Mostrando entradas con la etiqueta Vermudo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Vermudo. Mostrar todas las entradas

domingo, 15 de octubre de 2023

Vermudo II, un rei galego desde o Cantábrico até o Mondego

 

Vermudo II, un rei galego desde o Cantábrico até o Mondego. 

Hai 1041 anos, concretamente 15 de outubro de 982, Vermudo II foi coroado na catedral de Santiago de Compostela como rei da Galiza. Membro do círculo familiar dos Goterres e pai de Afonso V, actuou como instrumento do partido galego na delicada conxuntura de finais do século X.

A loita pola hexemonía entre os distintas territorios vai cruzar a vida do reino cristián peninsular na segunda metade do século X. Se tras a morte de Ramiro II, criado en Celanova e membro do clan dos Goterres, o seu fillo Sancho I xoga a carta de Castela e León, o que provoca o enfrontamento cos galegos que impoñen como monarca ao seu irmán Ordoño III, unha situación semellante vaise vivir cos fillos destes Ramiro III e Vermudo II. Un é outro defenden intereses contrapostos, sintetizando a súa presenza no trono o predominio dunha ou outra facción no Goberno do reino cristián peninsular.

As novas circunstancias xeopolíticas na península, como consecuencia da debilidade do reino navarro e da ruptura do pacto entre Ramiro III e o califa de Córdoba, levaron os galegos a impulsaren unha nova candidatura ao trono. Neste contexto, produciuse o 15 de outubro de 982, na Catedral de Compostela  a coroación oficial de Velasquita e Vermudo II,   quen xa actuaba desde finais do ano anterior como monarca galego á vista do recollido nunha doazón ao mosteiro de Guimarães, fundado por Mumadona Dias, a matriarca do clan dos Méndez e “irmá de sangue” de Ramiro II.

A entronización de Vermudo e Velasquita

O acto de entronización de Vermudo e Velasquita foi toda unha declaración de intencións do programa político do monarca e do novo núcleo de poder no reino. A presidencia do mesmo correspondeu a San Rosendo, que volveu a Compostela após ser apartado da cadeira episcopal por Rodrigo Vasques, home de Ramiro III na Galiza, para impor o seu fillo Paio Rodrigues como bispo. Ao tempo, estiveron presentes os membros do núcleo central da oligarquía galega como Gonzalo Mendes e os seus fillos, Goterre Osorio, Aloito Fernandes, Rodrigo Ordoñes ou Froila Vímaras.

O novo rei non conseguiu o control efectivo do reino até finais de 984. Se desde 981 a área galega portuguesa xa estivo rexida polo novo monarca, este atopou resistencia nunha parte das terras leonesas e castelás. Así as cousas, Vermudo actuou durante tres anos como rei privativo da Galiza, asumindo o control doutras zonas da coroa a partir de mediados de 984. Malia que a historiografía españolista retrasa até 985, data da morte de Ramiro III, a entronización de Vermudo en León, á altura de 984 as terras de Saldaña xa estaban baixo o seu Goberno, resistíndose até o final o condado de Castela, en mans de García Fernández, fillo de Fernán González, co apoio das tropas musulmás.

Vermudo vai actuar en política como un instrumento do partido galego. O seu círculo familiar está formado polos Goterres, destacando entre estes Mendo González, conde de Portugal, titor do fillo de Vermudo, Afonso V e pai da súa esposa, a futura raíña Elvira Mendes. Ao tempo, o monarca liga lazos con esta familia ao casar con Velasquita Ramíres membro da saga dos Guterres, como filla de Adosinda, irmá de San Rosendo e da raíña Goto e filla de Santa Aldara. O propio Vermudo fai  parte tamén deste grupo familiar, na súa condición de neto de Ramiro II, fillo de Elvira Mendes.

Os Goterres

O circulo dos Goterres significa o núcleo central de poder da monarquía hexemónica no espazo cristián peninsular e evidencia a orixe galega de todos os reis e raíñas desde finais do século IX até comezos do século XIII. Unha viaxe pola rama paterna de Vermudo , neste caso a dos Goterres, onde San Rosendo xoga o papel de cabezaleiro, certifica que sete mulleres desta familia, rematan como raíñas, Elvira Mendes, Adosinda Goterres, Aragonta Gonzales, Goto Nunes, Teresa Ansures, Velasquita Ramires e Elvira Mendes.

A historiografía españolista non adoita a ser xusta con Vermudo. Coñecido como o Gotoso, por sufrir da doenza de gota, alcume imposto polo seu inimigo Paio de Oviedo, o seu cronista, o bispo Sampiro cualifícao de “prudente”, porén o relato maioritario colócao como un monarca incapaz, seguindo a liña argumental aplicado a aqueles reis que se teñen caracterizado durante a súa vida polo enfrontamento con Castela. Ao tempo, as circunstancias políticas marcadas polo grande vigor do Califato de Córdoba e dunha endiañada situación interna non van facer doada a súa xestión.

A valoración negativa sobre este monarca galega está condicionada polo sentido da súa acción de goberno. Precisamente, toda a súa vida política está cruzada cun duro enfrontamento co partido castelán, que tentaba o control dunha parte do Reino da Galiza, naquela altura conformado por un amplo territorio, cuxos lindes chegaban desde o Cantábrico até o Mondego e desde o Atlántico ás terras de Araba e Castela.