Pereira Menaut: “Se a día de hoxe até a Constitución enteira é manipulada, raro sería que o 155 non o fose”
Un dos grandes especialistas en Galicia de Dereito Constitucional español fala nesta entrevista sen pelos na lingua sobre o que supón o conflito entre o Estado e Cataluña, que cualifica de “político e non xurídico” e ao que se lle aplicaron unhas medidas xudiciais —prisión para parte do Govern— que son “dubidosas e pouco axustadas a Dereito”. “Que eu lembre, non hai precedentes de medidas así”, asegura ao subliñar que en países como Reino Unido ou Dinamarca están “tremendamente abraiados” pola reacción do Goberno español.
Malia ser un dos grandes expertos galegos en Dereito Constitucional, poucos medios lle preguntaron o seu parecer sobre a “constitucionalidade” das medidas xudiciais e políticas adoptadas en Cataluña. Unhas medidas que rexeita abertamente ao dubidar, precisamente, da súa “legalidade”.
Para Pereira Menaut o conflito entre Cataluña e España “é político e non xurídico”. “Estamos diante dunha liorta política artificiosamente legalizada e xudicializada”, indica ao subliñar que os españois tenden a converter os conflitos políticos “en dramas apocalípticos”. “Eu estou afeito a tratar con xente nacionalista de varias partes de España e teño a impresión persoal de que o nacionalismo español descarrilado gáñalle en radicalismo a varios deles (dende logo, ao galego)”, indica nesta entrevista con GC.
Ademais, asegura que “canto máis o xudicialicemos, peor” porque os problemas políticos reclaman remedios políticos. “Os propios xuíces deberían (se poden, claro) botarse fóra desas patacas quentes porque son conflitos políticos xerados por políticos, e que precisan solucións políticas”, engade.
“Ese carácter Madrid-céntrico do actual nacionalismo español, sen precedentes, axúdanos a comprender a situación. Madrid dótase dun inimigo (Cataluña) e consegue con moito éxito ‘recrutar’ contra ela a boa parte do resto de España”, mantén. Por iso, entende que “é dubidoso que se axuste á lei (á Constitución, non) e é seguro que non se axusta a dereito”, tanto o envío a prisión de boa parte do Govern, como a aplicación do 155.
“Unha parte boa desta crise é que nos obrigou a distinguir lei/dereito, lei/xustiza e legalidade/lexitimidade. Axústase á radicalización que padecemos, que tarde ou cedo tiña que vir porque esta mobilización política está como calcada sobre a mobilización futbolístico-españolista, como unha prolongación da última; por iso temos aí o espírito e o estilo dos siareiros do fútbol, con “a por ellos, oé” incluído. O de sacar as bandeiras foise xa poñendo en práctica coa selección durante anos, por iso agora a maquinaria estaba tan engraxada e respondeu tan axiña”, apunta.
Este experto constitucionalista di que “non hai precedentes de medidas así” en Europa. “Os estranxeiros están abraiados; como dicía un americano anti-Trump, de momento Trump aínda non anda a intervir os estados membros nin meter na cadea aos gobernos estatais contrarios”.
Antes de comezar co batería de preguntas, como valora o que está acontecendo en Cataluña?
Antes de nada hai que dicir que o conflito é político e non xurídico. Iso afecta a case todo o que veña despois, pero debemos poñelo en claro dende o principio. Estamos diante dunha liorta política artificiosamente legalizada e xudicializada.
Hai varias maneiras de entender o problema. O que pasa é relativamente sinxelo, e os anglosaxóns, ou os nórdicos, o terían amañado hai xa moito tempo: un territorio aspira a máis autogoberno. Discutible (polo menos para os centralistas), pero en si mesmo nada dramático; o problema tiña solución doada, pero deixárano apodrecer. Cando esa aspiración bate cun valado (a partir das dúas campañas contra Cataluña e, despois, coa lamentable sentencia do TC), vaise radicalizando. Se o valado non é só legal ou institucional, senón ultimamente tamén social e de actitudes (campañas contra produtos cataláns, odio ou xenreira aos cataláns, xente coreando “a por ellos, oé”), pois era previsible que a radicalización medrase e que se abrise unha fenda social moi grande, que non se dará amañado doadamente, con ou sen independencia.
Que era de todos, evidente, pero igual que Cataluña se llama cataliña, la corona era la corona de Aragón. Punto. No hay más nombres.
Respon