Mostrando entradas con la etiqueta Suevos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Suevos. Mostrar todas las entradas

martes, 25 de mayo de 2021

Notas de historia. Cambios na organización do territorio galego medieval: Das parrochiae ás parroquias.

 


Roque Sanfiz Arias

            BLOG     MAZARELOS

Un dos elementos máis característicos da distribución espacial galega é a parroquia. Unha unidade territorial que forma identidades e crea lazos veciñais nun primeiro plano. Para nós é unha realidade cotián inmutable e a súa orixe é frecuentemente asociada co Parroquial Suevo. Sen embargo, cómpre revisar o que queda daquel documento nas nosas parroquias.

O Parrochiale Suevum consiste nunha lista de trece sedes episcopais que pertencían á antiga provincia da Gallaecia e que formaban o Reino Suevo. Para cada unha das sedes establécense unha serie de parrochias, ecclesias ou pagus que as compoñen. Ao comezo do documento dise que a súa data de redacción sería do século VI. Porén, esta datación é moi controvertida[1].

A autenticidade do Parrochiale Suevum foi posta en cuestión en moitas ocasións. Mais que pola falsidade do documento enteiro por posibles modificacións levadas a cabo en épocas posteriores. Unha delas é a máis que posible inclusión dos arciprestados de Bezoucos, Trasancos, Labacengos, Arros e Seaya como parrochiae pertencentes á sede de Iria polo bispo de Lugo no século XI.

Obtida do catálogo da exposición In tempore Sueborum.

Como sinala López Alsina, a sede de Lugo poñería en circulación un texto modificado conscientemente en varios casos, un deles sería este. No século XI estábase levando a cabo un proceso de restauración de sedes episcopais e Lugo tiña certos intereses en contentar á sede de Iria. Esta posibilidade non descarta que estas entidades territoriais existisen previamente ó século XII, de feito aparecen mencionadas en documentos do século X.

No século IX a monarquía reestruturou a trama diocesal galega, sen realizar unha revolución e valéndose das estruturas preexistentes. As parrochiae foron convertidas en arciprestados e estes tiñan un plano administrativo superior de dioceses ás que estaban adscritos.

Na maioría dos casos houbo unha continuidade da relación parroquias-sedes do Parroquiale Suevum coa de arciprestados-dioceses xurdida no século X. Noutros casos foron tomados certos arciprestados para adscribilos a outra diocese. É o caso das parroquiae asturianas que no Parroquiale Suevum estaban adscritas á sede britoniense -xa desaparecida no século XI- e que foron ser outorgadas á diocese de Oviedo, creada pola monarquía asturiana no século IX.

Isto fálanos de que as parrochiae como entidade territorial eran un espazo dalgunha maneira cohesionado que non conviña separar. É posible establecer a súa continuidade dende a época sueva, sendo aproveitadas en futuras reordenacións da trama eclesiástica pasando por unha adaptación ás súas novas denominacións, funcións e obrigas da nova estruturación pero sen chegar a ser disoltas para formar novas entidades ex nihilo.

Se queremos achegar a mirada á organización da poboación é imprescindible falar das igrexas ou ecclesiae. Estas eran a unidade mínima de organización eclesiástica e á vez, a mais próxima e ligada ao pobo, agrupado ao seu redor. Un dos elementos que nos falan máis claramente da fixación da poboación son as necrópoles, pero tamén pode observarse noutros como o pago de décimos[3].

Froito da relación tanto espiritual como económica da xente coa igrexa vai xurdir a parroquia como institución. Pese a que derive do termo suevo refírese a un marco territorial diferente, a denominada “parroquia clásica” pola historiografía.

O elemento fundamental é a igrexa parroquial. Podían ser fundadas tanto por eclesiásticos, mosteiros, señores laicos ou mesmo por comunidades de campesiños. Para fundala era necesario facer unha dotación material que garantise a supervivencia do templo, limitando o carácter social dos seus fundadores; non podía fundar unha igrexa quen quixera senón que ademais debía ser capaz de mantela.

No momento de formación de moitas das igrexas parroquiais simplemente se produciu un proceso de aproveitamento das igrexas rurais altomedievais, conservando ademais o seu emprazamento e advocación[4]. Antes da formación das parroquias clásicas, dentro das chamadas parroquias antigas -as mencionadas no Parroquiale Suevum– tamén había unha igrexa cabeceira da parroquia antiga, caracterizada por ser o lugar onde recibían o bautismo os fieis da zona[5].

As igrexas parroquiais pasaron entón a ser o elemento central dunha pequena entidade territorial que operaba nun primeiro plano, tendo por riba outros niveis de administración eclesiástica, de menor a maior tamaño: os arciprestados, os arcediagados e as dioceses.

O Concilio de Coyanza de 1055 supuxo un punto de inflexión para a organización parroquial. Co animo de reconstruír o ordenamento eclesiástico dende as súas bases, ordenouse a que todas as igrexas rurais cabeceiras de freguesía debían formalizarse como parroquia clásica formando así un mapa de parroquias clásicas que cubrise todo o territorio[6].

A reforma gregoriana do século XI tivo grande influencia nos cambios de propiedade das igrexas parroquiais. A partir dese momento, os laicos víronse obrigados a cedelas á Igrexa como institución, conservando unha sorte de privilexio ou custodia sobre elas, o chamado padroado.

A parrochia sueva non desapareceu mais adaptouse ás novas realidades eclesiásticas e políticas. A súa continuidade foi mostra da súa validez como entidade ordenadora de territorio. Ao mesmo tempo a poboación foise repartindo pola xeografía galega en función dunhas novas entidades, as parroquias. Parrochiae e parroquias seguen tendo moita influencia na poboación e nas súas identidades mais compre ver a súa orixe para entender as diferenzas.

Mapa das parroquias galegas na actualidade.

 

[1]Usamos neste caso a edición incluída no Itineraria et alia geographica, publicado por Brepolis en 1975.

[2]López Alsina, F. (1999). Parroquias y diócesis: el obispado de Santiago de Compostela. P. 312.

[3]López Alsina, F. (2002). El Encuadramiento eclesiástico como espacio de poder : de la parroquia al obispado. P. 439.

[4]Ibídem. P. 433.

[5]Ibídem. P. 455.

A imaxe de portada é unha miniatura de Martiño de Braga do Códice Albeldense. Obtida do catálogo da exposición In Tempore Suevorum. Dispoñible en http://www.intemporesueborum.es/gl/catalogo/.

Artigo revisado o 11 de febreiro de 2021.

miércoles, 23 de enero de 2019

Da Gallaecia o Regnum suevorum e o Regnum Galiciensis

Da Gallaecia o Regnum suevorum e o Regnum Galiciensis. Suevos, Galegos, Priciliano, Martinho do Dumio e de Correctione Rusticorum. Sobre Priciliano e a sua época.  

Magnífica exposição de Anselmo López Carreira neste video. 

 

 Outros post do blog para complementar. 

A identidade galego-portuguesa na idade media.