Mostrando entradas con la etiqueta reino de galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta reino de galicia. Mostrar todas las entradas

martes, 23 de marzo de 2021

O reino de Galiza, ou reino de León, ou astur-leonés. 711-910.

se che preguntan polo "reino astur-leonés" - O REINO DE GALIZA: 711-910

“Reino Asturleonés” é a denominación que a historiografía tradicionalista española emprega para definir o espazo político do reino medieval de Galicia entre os anos 711 e 910.
 
O Reino de Galicia é unha entidade política con continuidade histórica dende o 410, data de creación do reino suevo na provincia romana de Gallaecia, ata o 1486, ano da viaxe dos Reis Católicos a Galicia, que consagra a sumisión do reino a Castela. 

A OCULTACIÓN DO REINO GALEGO 

A confusión ou ocultación da denominación histórica do noroeste da península Ibérica parte da historiografía liberal española do século XIX, iniciándose coa publicación en 1850 da Historia general de España de M. Lafuente, que traduce o termo árabe Jalikiah ou Yilliquiyya, documentado en numerosas fontes escritas musulmás, por Reino de León. Esta denominación musulmá é coincidente cas fontes cristiás da época medieval, galegas e europeas, que identifican claramente a Galicia como a extensa rexión do noroeste da península Ibérica. Así, a causa da ocultación de Galicia, o nome máis coherente coas fontes para a rexión do noroeste peninsular, non é histórica, senon que agocha unha intencionalidade política, pois admitir que os dous núcleos xeográficos e políticos da península Ibérica na Idade Media son Galicia e al-Andalus ou Spania nega a principal premisa da historiografía nacionalista española, coa que debe identificarse o pobo do Estado-nación español: un espíritu nacional, católico e, logo, castelán, que se perpetúa dende a época romana no reino dos visigodos e cuxo testemuño é recollido por Paio en Covadonga, pasado aos monarcas asturianos, leoneses e, logo, casteláns, en continua batalla coa finalidade de unificar España e expulsar ao Islam, acadada cos Reis Católicos. A España centralista do século XIX non podía ter raíces musulmás, nin un pasado que non tendese á unidade da patria baixo unha única Coroa, nin ter a súa orixe nun poder que non fose castelán, moito menos nun poder con centro en Galicia, rexión domada no século XV.

A partir de Lafuente, con gran impulso da xeración do 98, da que é representante Menéndez Pidal, a historiografía tradicionalista española designará con distintas denominacións o que foi a evolución do reino galego, buscando a identificación de España coa Igrexa católica e con Castela.

Así:

- os termos "reino de Asturias" ou "reino asturleonés" úsanse para definir a evolución da Gallaecia entre o ano 711 e o 910.

- "reino de León" sería o reino de Galicia entre o 910 e 1230. Confundindo a sede rexia coa denominación de todo o reino, que seguía a ser Galicia, a historiografía española crea un reino en León cando esta non é máis que cidade cun pequeno territorio adxacente. Dende inicios do século XII comeza a disgregación do reino de Galicia coa independencia de Portugal, a configuración dunha entidade territorial en León e a separación, en 1157, de Galicia e León e Castela e Toledo, reino que fora incorporado a Galicia en 1085.

- "Coroa de Castela" sería todo o espazo cristián do occidente peninsular dende 1230. Nos séculos XIV e XV xa se restrinxe a denominación de Galicia á Galicia nuclear, a correspondente coa provincia lucense romana, que seguirá a ser oficialmente reino ata o 1833.

O REINO DE GALICIA ENTRE 711 - 910  

Así, o reino “asturleonés” corresponderíase co periodo de formación do Reino Medieval de Galicia

A sustitución do poder visigodo polo musulmán en Hispania a partir de 711 non implicou a ocupación islámica de Galicia, pois a aristocracia desta provincia vitiziana sería, xunto coa narbonense, a que solicitou a intervención dos musulmáns no territorio peninsular, coa finalidade de derrotar aos partidarios de Rodrigo no reino de Toledo. Neste espazo do noroeste peninsular, vinculado vasalaticamente ao emirato cordobés, configúrase, dende finais do século VIII, un proxecto de poder centralizador, cun rei á cabeza, apoiado polo episcopado galego, enfrontado á poderosa aristocracia territorial laica da Galicia lucense e bracarense. A creación dunha corte real en Oviedo a finais do século VIII sería unha tarefa apoiada por esta aristocracia eclesiástica, elixindo precisamente Oviedo por tratarse dunha zona libre de señorío, tanto de grandes señores laicos coma de mosteiros. O enfrontamento entre a aristocracia laica e o episcopado, entre os poderes territoriais e os partidarios dunha monarquía, é unha constante neste periodo do reino de Galicia, e nesta dinámica hai que entender as disputas dinásticas e os cambios na relación política con Córdoba.

No espazo galego mantéñense no século VIII as estructuras básicas de encadramento da poboación herdadas da época romana e do reino suevo, as dioceses e sedes episcopais, os territorios señoriais e o monacato, e non se producen despoboacións de territorios, nin sequera coas incursións normandas de finais do século IX. A realeza e o episcopado buscan crear unha igrexa “nacional” para este territorio como medio de afirmación do poder estatal, e nese contexto se enmarca o achádego do sartego do apóstolo Santiago en Compostela en 813 e a adopción do antiadopcionismo como doutrina oficial, para reafirmar a independencia da igrexa de Toledo, durante o reinado de Afonso II (791 – 842).

Estas orixes do reino galego no século VIII foron explicadas pola historiografía tradicionalista española como o resultado da conformación dun núcleo de resistencia nas montañas astures composto por cristiáns que derrotan aos musulmáns na batalla de Covadonga en 718 ou 722, acaudillados por don Pelayo e que, dende alí, vai ocupando territorios. Na actualidade, a propia historiografía española reduce a importancia da suposta batalla de Covadonga, considerándoa mera escaramuza musulmá no norte, e nega a historicidade de Paio como rei ou caudillo, pois a Crónica Mozárabe, escrita en 754, non o cita a el nin á batalla de Covadonga, atribuíndo a súa invención a mozárabes emigrados de al-Andalus na segunda metade do século IX, autores da Crónica de Afonso III. Paio sería un noble territorial máis de Galicia que, na zona de Asturias, decide afirmar a súa autonomía e ampliar os seus dominios, o que o leva ao choque con al-Andalus e con outros señores. A preponderancia nas crónicas concedida a Paio e aos señores territoriais do século VIII na zona asturiana (considerados reis pola historiografía española) sobre os señores galaicos, explícase no marco da elaboración, en tempos de Afonso III (866 – 910), dunha ideoloxía lexitimadora dun poder monárquico que xa pode considerarse estatal.  
 
Os seguintes nomes e cronoloxías corresponden a estes señores territoriais do século VIII, que carecen dun dominio efectivo máis alá do seu territorio patrimonial, e aos reis en Oviedo do século IX.

SEÑORES TERRITORIAIS - S. VIII 

Despois de Paio (711 – 737) e de Fávila (737 – 739), Afonso I (739 – 757) considérase o fundador do reino, nun momento en que os bereberes, sublevados contra Córdoba, abandonan as guarnicións situadas fronte ás montañas do norte. A interpretación tradicional española sinala que Afonso ocupa espazos aos musulmáns e traslada a Asturias á poboación da zona do Douro, creando alí un deserto estratéxico, idea hoxe desbotada que tén a súa orixe na Crónica de Afonso III. Un dos espazos ocupados e repoboados, segundo esta liña historiográfica, sería Galicia, hipótese totalmente descartada pola evidencia arqueolóxica dunha Galicia sen cortes ocupacionais dende a época romana e pola constatación documental do poder dos señores territoriais laicos e do clero galegos, sen mencionar que Galicia non foi ocupada polos musulmáns. Esta conquista de Galicia polos astures e cántabros pode explicarse facendo afirmacións totalmente insostibles historicamente, coma que Galicia é unha rexión pouco romanizada [En MARTÍN, J. L. La España medieval. – páx 75 –] e obviando a importancia económica, política e cultural da Gallaecia baixorromana ou do Reino Suevo de Galicia.

A Afonso sucédeo o seu fillo Froila I (757 – 768), quen, segundo as tradicións da época de Afonso III, continúa a labor repoboadora de seu pai e tén que facer fronte a revoltas dos “galegos”.

Aurelio (768 – 774), Silo (775 – 783), Mauregato (783 – 788) e Vermudo I (788 – 791) son considerados usurpadores polas crónicas dos tempos de Afonso III e monarcas febles pola tradición historiográfica española, quizais pola súa ascendencia galega (da Gallaecia lucense), e o consecuente apoio de señores territoriais lucenses, e pola aproximación política a Córdoba durante esta época. O apoio galego a estes monarcas non impediu as tensións con señores territoriais galegos, mencionadas polas crónicas.

REIS EN OVIEDO - S. IX 

Con Afonso II (792 – 842) consolídase o apoio do episcopado galego á creación dun poder monárquico que trate de englobar Galicia. A creación dunha corte en Oviedo e o reforzamento de Compostela como centro relixioso marcan a xeografía do doble poder: episcopal en Compostela – monárquico en Oviedo.
Durante o seu reinado consolídase a independenza respecto a Córdoba, lograda polas dificultades que vive o emirato coas revoltas muladís de Toledo, Mérida e do val do Ebro, así como pola intervención carolinxia no noreste. A independencia política, o fin do pago de tributos, refórzase coa independencia relixiosa da sede toledana, coa inventio do achádego do sepulcro de Santiago en Compostela e a condena do adopcionismo. Fronte a al-Andalus, a corte galega mantén relacións diplomáticas co Imperio Franco, de onde se adopta o modelo político, aínda que se establecen as normas xurídicas do Liber Iudicium visigodo.
Afonso apoia o monacato como medio de extensión do control territorial da monarquía.

A partir de Ramiro I (842 – 850), que accede ao trono apoiado por poderes territoriais da Galicia lucense, e de cuio reinado hai que destacar a importante actividade edilicia, consolídase o sistema de monarquía hereditaria por línea patrilineal. A Ramiro sucédeo o seu fillo Ordoño I (850 – 866), que repoboa* Astorga, Tui e Amaia. Tras a colaboración inicial con al-Andalus, obrigada polo ataque vikingo de 858, Ordoño apoia as revoltas muladís contra Córdoba.

Afonso III (866 – 910) extende a autoridade real ata o río Mondego, coa restauración de Coimbra, mantendo a aristocracia local o seu poder. Santiago consolídase como centro de poder eclesiástico, coa consagración da catedral en 899. Con respecto a Córdoba, Galicia apoia as revoltas muladís que poñen en cuestión a autoridade emiral.
Con Afonso III pódese falar xa dun estado consolidado – sen que por iso se extingan as resistencias dos poderes territoriais –  que elabora unha ideloxía lexitimadora dese poder monárquico, facéndoo herdeiro do reino visigodo de Toledo, así coma da súa Igrexa*.
No 910, a busca de integración do poder monárquico nos circuitos comerciais da ruta da prata e da vía Braga-Burdeos impulsan o traslado da sede rexia a León, recén fundada sobre o campamento romano, transferindo a esta cidade parte da dignidade episcopal de Astorga.

* 1 Os termos restauración e repoboación dos cronistas non deben entenderse literalmente, senon como a sumisión á autoridade estatal dunha poboación ou territorio.

* 2 Sobrevalorouse o elemento mozárabe deste mito goticista, sen valorar a influencia da idea carolinxia do translatio imperii.