Fonte. Tempos novos. Luis Álvarez Pousa.
Era
o 26 de abril de 1974. Na frontera de Tui, onde antes había gardiñas,
agora están os militares. Un deles, observando a miña condición de
xornalista, simplificou a tramitación burocrática doutras veces cunha
surrisa de complicidade. As noticias eran confusas, pero algo de grande
alcance político estaba a suceder en Portugal. Eu habería de valorar os
acontecementos desde o norte do país. Aquela responsabilidade
profesional, que me encomendara o director de La Voz de Galicia, ía ser
un bautismo para min, que viña de estrearme no oficio. Todo se
desbordou, e foi imposible substraerme a esa atmósfera de rebelión
liberadora que palpei durante tres días seguidos, sen durmir, polas rúas
de Oporto. Pero quen demonios estaba detrás daquel esquerdoso golpe
militar no Portugal da miseria abastecida, no Portugal da raia seca que
eu tantas veces descubrira de neno? O capitán Antonio Delgado Fonseca,
un dos douscentos conspiradores, non mo quixo desvelar. Foi no interior
da Dirección Geral de Segurança, pouco despois da rendición dos pides
que a defendían, cando oín o seu nome por vez primeira. Chegoume na
confidencia dun xornalista portugués, o Viale Moutinho, que militaba
clandestinamente no Partido Comunista: “O Otelo é o que está á cabeza”.
Pasaron quince anos. Xa morreu o amigo Zeca, a voz da amencida. A súa canción, esa Grándola, vila morena
que estragara tódalas cremalleiras da represión, escóitase agora nas
fonotecas, porque en Radio Renacença están de moda outras músicas. Iso
si, queda na memoria cívica e cultural de cantos vivimos aquel 25 de
Abril como un trompetazo de furia democrática. Moitos aventamos desde
aquel día a caída de tódolos muros. Agora vén de ser derrubado o de
Berlín. Xusto aos poucos días en que me atopo con Otelo Saraiva de
Carvalho, a cabeza e mais o corazón daquela revolución vermella.
Durante cinco anos, tódolos intentos xornalísticos
acababan sempre ás portas dun cárcere militar. Agora está en liberdade,
pero segue sometido a sospeita. Escoiteino no Clube Alén Nós, en
Santiago. A súa tese cuase libertaria sobre o poder, sen partidos
políticos intermediarios, péchase en si mesma. Porén, á marxe do
discurso sobre a democracia directa e autoxestionaria, segue a ter unha
grande forza de seducción. A súa presenza resultou emotiva para os
asistentes que navegaron nas esperanzadoras augas do 68, o mesmo que
para os mozos que buscaban nas súas palabras un antídoto contra dos
naufraxios contemporáneos. Quedamos para o día seguinte. Foi longa a
conversa.
Chegou a esa alternativa política a través dun deserto persoal. A súa
proposta ideolóxica quedara en minoría na confrontación a que deseguida
se viu abocado o Movemento das Forzas Armadas (FMA). E sufriu a soedade
na que o deixaron os oficiais que un día de abril lle confiaran o mando
da revolución no cuartel da Pontinha. Chegou, ademais, a esa
alternativa política despois de fracasar no proceso electoral do 80,
cando encabezou a Fronte de Unidade Popular, co que tentaba respaldar o
seu Proxecto Global, un plan de defensa da revolución fronte a calquera
ameaza de golpe fascista. Agora vén de estar nunha fría prisión militar.
Quen acadara a responsabilidade do Comando Operacional do Continente
(COPCON), o cerebro dun acontecemento que asombrou a todo o mundo, fora
detido e condenado a quince anos de cárcere, acusado de dirixir un grupo
terrorista, o denominado Forzas Populares 25 de Abril. “Cando
apareceu este grupo -afirma na súa defensa- o meu partido fixo un
comunicado en contra, aínda que máis tarde descubrín que algúns
militantes do FUP tiñan relación con el”. As presións de numerosas personalidades europeas forzaron a súa recente excarcelación.
Otelo segue a ser, paradoxalmente coa importancia do seu
papel histórico, un cidadán sometido a toda sospeita. Responde iso á
ingratitude dunha historia ainda sen perspectiva suficiente? Ou, por
máis que resulte máis duro pensalo e dicilo, acaso é o sinal máis
evidente dun fracaso?
Eu non son un fracasado. Pola contra, síntome completamente
realizado. Un dos meus grandes soños de xuventude foi sempre o de axudar
a derrubar a dictadura fascista que había no meu país. Conseguín levalo
a cabo o 25 de Abril.
Como explicar entón que o principal actor da revoluçao dos cravos acabase poucos anos despois nunha prisión do Estado?
Imos ver. Hai dúas cousas diferentes. Síntome realizado porque os
dous obxectivos que presidiron a constitución do MFA ficaron
consubstanciados no que demos en chamar os “tres D”: a democratización
do país, a descolonización e o desenvolvemento socioeconómico. Agora
mesmo funcionan as institucións, está feita a descolonización, e todo o
demais está en marcha. Cumpliuse así o meu soño. Outra cousa é o que
significou para min o proceso que seguiu. Eu quixen ir máis aló da
simple revolución burguesa, que é ao que chegou o MFA.
Tanto arriscou?
Arrisquei moito no camiño de conseguir unha revolución socialista.
Quen asume unha postura revolucionaria, nun proceso de transformación
coma o quesignificou aquel acontecemento do 25 de Abril, sabe a que se
arrisca. A condena dos anos de prisión que teño sobre min, baixo a
acusación de ser fundador e dirixente das Forzas Populares 25 de Abril,
hai que entendela como unha consecuencia de haber asumido esa postura.
Despois de pasar cinco anos detido, sigo a pensar da mesma maneira. Non
me sinto nada afectado psicoloxicamente por iso. Non tiñan razón.
Por que ese empeño, entón, en facer que Otelo apareza ante a opinión pública como un subversivo?
Esa é a pregunta que se fai moita xente. Aceptando que a miña acción
foi decisiva para a democracia, como o ten recoñecido o mesmo Presidente
da Repúbica, por que se me somete a un proceso de eliminación política,
presentándome como un subversivo. A resposta está no posicionamento que
eu manteño durante o proceso revolucionario. Acabo por distanciarme
ideoloxicamente dos compañeiros das forzas armadas cos que estiven no
Conselho da Revoluçao. Eu defendo que é preciso ir máis aló dun sistema
democrático baseado nunha burguesía representativa. Considéranme
perigoso. E tentan eliminarme do panaorama político/representativo que
eu puña en cuestión. Necesitaban destruir esa figura.
Sentiuse traizoado polos oficiais que o seguirán o 25 de Abril?
Os oficiais do FMA eran progresistas, pero non revolucionarios. E
teño que confesar que nun principio eu estaba tamén nese grupo. Despois
distancieime, porque eles nunca chegaron a pensar como pensei eu que
eran os traballadores os que deberían asumir o poder para construir de
facto unha sociedade socialista. Eu acabei por defender esa ideoloxía.
Produciuse unha reacción de autodefensa, ou pensa que hai
outros factores que frean o proceso no que vostede, como líder e cabeza
do sector progresista das Forzas Armadas, se compromete?
Prodúcese esa autodefensa no momento en que os EE.UU. presionan sobre
Portugal. Tamén hai que dicilo: esa reacción aparece cando outros
países europeos presionan sobre os partidos políticos portugueses. Eles á
súa vez presionan sobre os membros do MFA e sobre o Conselho da
Revoluçao, conseguindo así trabar o camiño que ao meu entender sería
modélico en Europa se chegara a completarse. Entro así na categoría dos
elementos subversivos contra as democracias occidentais. Había que
eliminar da rúa a quen mantiña o carisma popular intacto.
Non ten a sensación de ter sido utilizado por uns e por outros?
(Ri con ganas) Recoñezo que teño unha forte dose de
inxenuidade. Ás veces sinto a tentación de analizar os acontecementos
desde esa perspectiva persoal. Porque non consigo crer que as persoas
que se achegan a min para exponerme un problema, ou para darme un
consello, ou para darme alentos, poidan ter a tentación de
perxudicarme.Eu creo en toda a xente. Quizais sexa o que me ten
calificado desde fóra como un inxenuo. Pode ue eu fose utilizado. Sei
que tiven cabo de min, no mesmo COPCON eque eu comandei, xente que foi
colocada para vixiarme. Non sei…
Por que cita expresamente ao Partido Comunista Portugués
cando analiza ese proceso da súa exclusión política, e incluso cando
busca culpables da súa detención e da súa prisión? Ten probas?
As presións ás que aludín fixeron efecto nos partidos progresistas,
tanto no PCP como no Partido Socialista, e xa non digamos no Partido
Socialdemócrata. Teño daros que me levan a pensar que é a dirección do
PCP a que induce a miña detención. Non podo afirmalo rotundamente,
porque non teño as probas definitivas. Só indicios moi fortes que me
levan a concluir que a dirección comunista produce as condicións para
que eu teña que pasar cinco anos no cárcere.
De que indicios fala?
A experiencia persoal durante o meu proceso, en primeiro lugar, Unha
das faccións que teñen peso específico na policía xudicial portuguesa é a
que está integrada por xente próxima ao PC. O mesmo delegado do
Procurador da República que sumiu a dirección da investigación sobre o FP 25 de Abril
é militante do Partido Comunista. Rodeouse de inspectores e axentes do
PC. Eles foron os que durante os interrogatorios forzaron a máquina para
agarrar calquera cousa que xustificara lanzar tódalas sospeiras sobre
min. Ademais, teño un vello contencioso co PC, que vén do proceso
revolucionario, cando lle quitaba a razón sobre o grao de participación
dos traballadores para darlla a outros grupos de esquerda. E nas
eleccións do 76 para a presidencia da República eu conseguín deixar a
moita distanci de votos ao candidato comunista.
A través de quen enterveñen os EE.UU. en Portugal?
Os EE.UU. avivan a súa presenza en Portugal a partir do conflito que
houbo o 11 de marzo de 1975. A persoa que vai representar esa presenza é
o embaixador Carduci. Tivo unha grande influencia política sobre
Portugal. Desñois apareceu como Secretario de Defensa con Reagan, e foi o
momento en que puido impoñer determinadas condicións a cambio de
apoios. Otelo Saraiva é un perigo para a administración Reagan. Hai que
denostalo públicamente, e para iso hai que demostrar que é fundador e
dirixente terrorista.
Tivo con Carduci algún contencioso persoal?
Todos recordan en Portugal aquela guerra entablada entre Carduci e
Otelo a raíz da intentona contrarrevolucionaria do 11 de marzo do 75.
Atribuíralle a responsabilidade a través da radio cando dixen que, de
ser eu o primeiro ministro portugués, houbéralle dado ao embaixador
norteamericano un prazo de 48 horas para abandonar o país.
Recoñeza, sen embargo, que vostede vén realizando declaración
que xustifican a loita armada que asumen algúns grupos como o IRA ou a
ETA. Na conferencia que pronunciou no Clube Alén Nós dixo que tiña un
grande respeto pola loita armada de determinados grupos…Como delimita
vostede ese respeto?
Eu teño moito respeto pola loita armada que manteñen algúns grupos de
liberación. Falando en términos de ideoloxía política, é o último
estadio posible, o último recurso que utiliza un pobo cando ten
motivacións tan fondas como a necesidade de conquerir a liberdade e a
independencia. Este é o caso do IRA, que leva moitos anos loitando
contra o colonialismo británico de Irlanda do Norte. Quedan atrás centos
de mártires, centos de mortos, de presos e de torturas nos cárceres
ingleses. Esta capacidade de coraxe e de sufrimento representa algo moi
importante para min. Non se pode identificar por iso ao IRA cos
terroristas. A súa é unha loita aberta entre o Exército Republicano
Irlandés e as Forzas Armadas inglesas.
Considerando que hai en España un mapa autonómico que lle
permite un determinado grao de autogoberno a un territorio histórico
como Euskadi, entende que tamén está xustificada a pesar de todo a
existencia de ETA?
Coido que o que pretenden os nacionalistas vascos é acadar a
independencia, ir máis aló da autonomía. Buscan reagrupar na nación
vasca as sete provincias orixinais. Non me parece que isto sexa posible a
través de calquera proceso democrático, por moi avanzado que sexa, por
moita apertura que ofreza o Estado que ten por centro político a Madrid.
Nese sentido, eu xustificaría como último recurso a loita armada para
gañar a verdadeira independencia da nación vasca. Cústame aceptar que o
Estado español, reunificado desde os Reis Católicos, permita esa
independencia.
Volvamos a Otelo Saraiva de Carvalho. Reparo nunha
confluencia emotiva que se produce na súa biografía: a utopía que sostén
un militar, por unha banda, e a imaxinación creativa dun actor
frustrado, pola outra…
Bueno… (ri) Eu tampouco me considero un actor frustrado.
Sería así se eu houbera sido un actor de talento e as miñas
representacións fosen pateadas. Non sucedeu así. Non cheguei a ir a Nova
Iorque a estudar arte dramático no Actor’s Studio que creara o Elia
Kazan, como era outro dos meus grandes soños de xuventude. Pero sempre
que tiven a oportunidade de actuar sobre un escenario, como sucedeu
durante o periodo de formación militar, sempre acadei moito éxito… (ri de novo).
Ese soño non foi posible por circunstancias familiares do momento. Pero
si que foi posible en cambio conseguir facer realidade algo que os
vellos antifascistas consideraban unha utopía, a de derrubar a ditadura
en Portugal, e que fosen elementos das Forzas Armadas os que se
atrevesen a elo, cando o exército viña sendo a cortina da orde que
posuia o poder fascista. O 25 de Abril era unha utopía porque ninguén
pensaba que as Forzas Armadas destruirían o réxime do que elas eran o
principal soporte. As utopías, xa que logo, sempre poden rematar en
realidade.
Pero non cadra ben na mentalidade dun militar…
Sei que esa é a idea que se segue a ter hoxe do militar. Os meus
fillos repítenmo unha e outra vez. Sempre que defendo ou realizo algo
que pode chamar a atención dentro da institución militar, eles sempre me
din “oh, pai, é que ti non es un militar”. Teñen un modelo de militar
que non cadra coas miñas características persoais.
E por que se fixo militar entón?
Teño que dicir antes de nada que abracei a institución militar con
grande pracer e entusiasmo. Nunca me sentín frustrado por elixir esa
profesión, que nun principio fora unha decisión presionada por
circunstancias familiares. Paseino ben na Academia Militar. Despois
tamén, cando fun instrutor militar, quizais a fase máis bonita, porque
participei activamente na formación de moitos xoves. Nesa época, o
analfabetismo pesaba moi gravemente no país, e eu recibía rapaces que
desde os doce anos só se limitarar a andar coa aixada na man. Axudei a
abrirlles os ollos, e axudei a crear conciencia neles de que había que
transformar a sociedade da que procedían e á que haberían de voltar.
Teñen os exércitos profesionais posibilidade de evolución
como para adaptarse a esa nova sociedade que está a xurdir? Defende a
supervivencia da institución militar?
Entendo que os exércitos e as forzas armadas deberían desaparecer. A
presenza dos exércitos fomenta as guerras. O momento é propicio para
elo, porque vivimos nun periodo de destrución das tensións creadas polo
armamentismo, e especialmente polo armamentismo nuclear. Tiveron noutro
tempo a peculiaridade de provocar o desenvolvemento tecnolóxico. Pero
hoxendía os exércitos xa non teñen nada que aportar nese terreo. Coido
que as estruturas que teñen os exércitos non acompañan a evolución das
sociedades actuais.
Quen está posibilitando, segundo Otelo Saraiva, ese novo periodo, ese momento esperanzador?
O Gorbachov, que coa perestroika puxo en cuestión todo iso.
Debería haber recibido xa o premio Nobel da Paz, se é que ese premio
tivese un significado real. Algúns desconfían de algo que se vén
producindo tan á présa na Unión Soviética, e teiman en que iso pode
rematar calquera día. Pero o sucedido nos últimos anos é de tal
magnitude que, de ser así, as forzas armadas sociéticas xa houberan
actuado antes derrubando a Gorvachov, o mesmo que sucederá con Cruchev
cando tentara introducir tímidas reformas. Se iso non ten ocurrido ata
agora, cando xa se ven na práctica as consecuencias, e velaí todo o que
sucede nos países do Leste, é porque a situación é irreversible.
Os cinco anos que pasou no cárcere
Durante eses cinco anos de cárcere experimentou en vostede algún cambio especial?
Eses cinco anos foron coma un accidente na miña vida. Quen asume a
súa responsabilidade histórica coma un revolucionario sabe que se expón a
situación como a que eu sufrín. Non lles podía haber sucedido a algúns
dos meus compañeiros do MFA que se acomodaron naquelo para o que fixeron
o 25 de Abril, e por iso están asentados no poder político, ou no poder
económico como o Melo Antúnes, que é representante para Europa dunha
enorme construtora mundial de obras públicas. Eu, repito, fun moito máis
aló desa democracia representativa na que eles se instalaron
finalmente. E por iso asumin os riscos que comporta a miña postura
revolucionaria. Un deses riscos foi o de ir ao cárcere.
Non obstante, a soedade síntese na pel, doe, e non só polo
forzado illamento físico, tamén especialmente por sentirse abandonado,
por comprobar que compañeiros de onte son hoxe cuase uns descoñecidos…
Escoite ben unha cousa. Durante os 1.787 días de
prisión nunca tiven esa sensación de soedade. Podo afirmalo
categóricamente. E nunca tiven o sentimento de estar abandonado. Porque o
fundamental dun ser humano é o que pasa dentro desta Caixa (sinala a súa cabeza). En espíritu, estiven sempre libre.
Que relación mantiña co exterior?
Recibía moitas cartas de adhesión, e tiña visitas diarias, que sempre
me daban forza para seguir sentíndome libre. Tiña a seguridade de que
fóra estaban comigo milleiros de amigos, aínda que non me escribisen nin
me telefonasen, nin me visitasen. A miña certeza era o importante.
Apela vostede, como fixo recentemente en Cuba o presidente
Fidel Castro, á volta do espíritu revolucionario, a prol da volta á
moral socialista en Portugal. A que xentes dirixe ese chamamento?
Aos desencantados, que cada día son máis. A proba está nas folgas que
se producen en sectores tan importantes como o dos transportes.
Tan baixa está a credibilidade política?
É a clase política portuguesa a que perdeu credibilidade. Cando os
traballadores perden cada vez maior capacidade adquisitiva, os políticos
súbense o seu propio salario nun 56 por cento…
Por que pensa que ese chamamento pode ser escoitado?
Porque a pesar das difamacións e das calumnias, a opinión pública
sabe quen son eu. Coñécenme pola rúa e saúdanme mesmo os que non viviron
conscientemente o 25 de Abril. Eu sigo a ser coerente coas ideas que
defenden aos traballadores. Nunca asumiron o que de min deixeron os
poderes político e xudicial.
Iso sería tanto como dicir que as capas sociais menos favorecidas teñen conciencia ideolóxica…
Todo foi dando bandazos dunha maneira tan radical, que por forza
calou na xente esa sensación de inestabilidade. Por iso cada vez hai
maiores posibilidades de movilización social. Aparte do desencanto
porque non aumentaron as boas condicións de vida, os traballadores e a
sociedade en xeral asistiron a movementos que foron durante o proceso
revolucionario desde unha extrema dereita salazarista a unha extrema
esquerda, e despois todo camiñou cara o centro, e agora estamos nun
réxime de dereitas. Iremos gañando pequeñas batallas, seguro. Eu xa
conseguin pequeñas vitorias, co conseguinte desprestixio do poder que me
quixo anular política e ideoloxicamente. Por iso estou a reconquistas
diante das masas populares un grande prestixio.
Pero con quen conta agora mesmo en Portugal o Otero Saraiva
de Carvalho? Con quen conta para levar adiante esas vitorias das que
fala?
Con centos de milleiros de persoas tal vez que hoxe están comigo… Non
sei o apoio que eu teño polo país porque non teño un aparello
estatístico que mo diga. Teño esa intuición, porque palpo ese apoio onde
quera que vaia…
Segue vostede defendendo como alternativa política a
democracia directa e autoxestionaria. Non lle parece que os últimos
acontecementos van todos en contra desa tese, e non só en Portugal
precisamente?
Penso que non. Compróbase nas taxas de abstención que se suceden de
elección en elección. Tamén no éxito electoral de formacións non
partidarias, novas formacións non encadradas nas siglas tradicionais.
Esta é a explicación de que os Verdes teñan tanta aceptación.
Representan unha alternativa aos partidos de sempre. Estase a caer na
conta de que as democracias representativas constitúen só unha
importante fase de transición cara outro estadio máis avanzado que
sempre tivo inimigos destrutores ao longo da historia. Pense no caso dos
soviets no 1917. Pero eu sigo a pensar que as perspectivas futuras de
Rosa Luxemburgo eran correctas.
Tamén o ve posible en Portugal?
Estivo nas nosas mans o 25 de Abril. E houbera sido unha realidade se
os elementos do MFA que o fixeron oubesen sido non só progresistas,
senón tamén revolucionarios.
Pero agora todo vai por outros camiños. Como interpreta se
non os cambios que se están a producir na Europa do Leste? Algúns coidan
que esa etapa de transición á que se refería vostede dará pé como moito
ao que se entende por socialdemocracia…
As transformacións que se están operando na Unión Soviética, o mesmo
que nos países satélites, teñen sempre como mira o socialismo, non a
entrada no capitalismo. Está por ver se o Gorbachov consigue trabarlle o
camiño ao capitalismo. Polo de agora, as miras son socialistas. É
importante sen dúbida que a Unión Soviética saia da ditadura dun partido
comunista, saia da nomenclatura, e asuma unha apertura real,
unha democratización. Sinto que non houbera asentado o socialismo real
no Portugal de 1974, porque agora os países do Leste houberan copiado
incluso o noso modelo.
As nacionalidades e o federalismo ibérico
Como encadra nesas grandes transformacións os amplos e
conflitivos movementos de rebelión que se están producindo
territorialmente dentro da Unión Soviética?
O desexo dalgúns pobos da Unión Soviética por conquistar de novo as
súas liberdades nacionais é totalmente lexítimo. Esa loita por se
liberaren do centralismo moscovita é unha das consecuencias da Perestroika. Son pobos distintos, con cultura e lingua propias, e teñen dereito a recuperar a súa identidade como nacionalidades.
Contemplou algunha vez o MFA durante a conquista do poder o
problema do centralismo en Portugal? Porque, aparte das colonias, que
foi un obxetivo conseguido, estaban e están os casos de Madeira, as
Azores…
A descentralización do poder era un obxectivo prioritario para o MFA
do 25 de Abril. A ditadura fascista centralizara o poder do imperio, que
estaba nas mans de Salazar. Lisboa era Portugal, e Portugal era San
Bento. Loitamos por conquistar o poder local, e coido que foi aí onde se
deu unha total transformación. A respeito de Madeira e as Azores teño
que dicir que nunca houbo nelas problemas importantes. Nin sequera teñen
linguas diferentes, porque en Portugal existe unha única lingua. Así
como en Galicia se fala a lingua da nación galega, en madeira e as
Azores o que se fala é o portugués. Por outra parte, o afastamento
relativo do Portugal continental facilitou que teñan unha autonomía e o
seu propio goberno, cubrindo tódalas súas esixencias de
descentralización.
Defendería a existencia dun federalismo ibérico?
Ese é un asunto extremadamente delicado. Non o teño esudado ben.
Complicado porque s tería que xogar con países independentes e con
nacionalidades e rexións que teñen estatutos de autonomía sen máis.
Cando ese tema se plantea en Portugal, causa arrepíos.
Por que?
Porque diante da expresión Federalismo Ibérico hai portugueses que
deseguida imaxinan que iso significa a dependencia e a ligazón a un
goberno que se instale no centro da penínsua, que poidera ser Madrid. E
pregúntanse: entón nós que imos ser? Acabaremos sendo a rexión
portuguesa?
Unha pregunta, por certo, que se terían que facer tamén coa
integración de Portugal en Europa, porque vai comportar unha perda de
identidade, unha perda de autonomía económica, política, cultural…
Pero é diferente. O problema do iberismo é o de chegar a saber onde residiría a sé do poder da Federación.
A súa resposta parece moi simple…
A resposta que tería que darlle é complexa. Aparte de que habería que
propiciar primeiro un reordenamento territoril en base á creación de
novas nación independentes, como é o caso da nación galega, a nación
vasca e a nación catalana, as diferenzas entre Portugal e o Estado
español son moi grandes. O grao de desenvolvemento industrial que
vostedes teñen apenas ten comparación en Portugal. Seguimos vivindo as
consecuencias do isolamento cuase total ao que nos someterá o réxime de
Salazar. Hoxe as diferenzas son moi fortes. O meu medo vai tamén por aí,
porque sempre será Portugal un país de man barata, unha colonia, para a
CEE. Isto non vai suceder con España.
A súa mensaxe política parece dirixila máis directamente a
sectores intelectualizados malia ter como núcleo principal discursivo o
da conquista do poder polos traballadores. De feito, foron os
intelectuais lusos, e non os traballadores, os que reivindicaron a súa
liberdade e mesmo a súa rehabilitación política…
Confeso que toda a miña acción ideolóxica nunca foi orientada a ter o
recoñecemento dos traballadores. Sucede o mesmo agora, cando tento que
se tome conciencia da necesidade de reconquistar a moral perdida.
Alguén poidera pensar que o non ter recibido expresamente a
solidariedade dos traballadores se poidera deber a que se sinten
instrumentalizados por vostede no seu discurso…
Nunca loiter por manterme no poder. Nunca cedín a esa ambición. Por
iso a miña foi unha loita cuase suicida. Porque loitando para conseguir
unha sociedade socialista, dos traballadores, actuei sempre correndo o
risco de ser rexeitado por eles unha vez que conseguisen o poder. E isto
por pertencer eu á clase burguesa. Ese é o espíritu que debe ter un
revolucionario.
Pero é verdade que durante os cinco anos de cárcere non
recibiu ningunha mostra de alento por parte dos traballadores aos que
sempre defendeu?
Nunca recibin nin sequera un telegrama dalgunha comisión de
traballadores. Nunca comprobei que pedisen a miña liberdade. En cambio,
tiven a solidariedade de intelectuais de esquerda, dos pintores,
escritores, músicos, artistas…De dentro e de fóra de Portugal. A
solidariedade dos intelectuais e das xentes da cultura tomou corpo en
toda Europa. Pero iso a mín non me fai cambiar de opinión. Non me
interesa ceder. A miña loita seguirá sendo a loita polo poder dos
traballadores.
Dóelle ese mal recordo?
Mire, aínda que me abandonasen polos seus propios intereses, eu xustifícoos…
Hai algún segredo do 25 de Abril aínda sen descubrir, ou está xa todo dito?
Xa está todo dito. Quedan algunhas zonas escuras do
proceso revolucionario. Especialmente as relacionadas co periodo que
vai entre o 25 de Abril do 74 e o mes de novembro do 75. Eu sinto a
responsabilidade histórica de escribir un libro sobre todos eses
acontecementos.
Cal será o capítulo máis conflitivo?
O máis importante para min swerá reflexionar sobre o unto inicial do
proceso revolucionario. Son os xoves oficiais das Forzas Armadas as que
fixeron o pronunciamento militar, aínda que fosen algúns xenerais, os
elixidos polo MFA, os que apareceron na Televisión integrando a Junta de
Salvación Nacional. Non era verdade, como puido parecer daquela, que os
xenerais liderasen o movemento. E quero reflexionar por que non foi
posible dar o salto a un novo modelo de sociedade cando estivemos á
porta de conseguilo.
Segue Otelo Saraiva de Carvalho sentíndose un militar?
Sempre lembrarei como, sendo estudante do Liceo, fun eu o único
alumno que tivo como información final “non posúe a mínima vocación
militar”. E sen embargo, decidín voluntariamente, aínda que motivado
desde a familia, facerme militar. Así foi polo que renunciei a ir a Nova
Iorque, e seguramente…(ri)… a ser outro Marlon Brando… Non me arrepinto, porque axudei a derrubar a ditadura.
Síntese máis militar ca cidadán?
Antes que militar síntome cidadán.