martes, 26 de abril de 2016

O meu 25 de Abril. Luis Alvárez Pousa.

 Luis Alvarez Pousa. Mostrou-nos vía Facebook iste  maravilhoso documento-recordo  do vivido na cidade do  Porto  no meio dos factos do 25 de abril. 
Ilusionante para todos e mais para ele por recordar anos da sua  fervença juvenil e  lembrar os momentos de jovem jornalista que está  no lugar e no momento .  
Coa  sua licença permito-me partilhar aquí. 




Un día despois do 25 de abril. Un grupo de pides decidira resistir dentro do edificio ocupado pola Dirección Geral de Seguridade. Era un dos espazos que na cidade de Oporto simbolizaba para os cidadáns a represión e a brutalidade física e moral do réxime. Foi por iso que o movemento dos capitáns o sinalou como un obxetivo a liberar. Cando á fin o destacamento de soldados que o rodeara conseguiu a rendición dos pides que o ocupaban, deixando ceibes aos presos políticos que retiñan no seu interior, o capitán que os mandaba permitiu que uns poucos xornalistas entraramos para dar testemuña do que alí dentro había. Centos de cidadáns pasaran polos seus calabozos, cuartos de tortura e zonas de brutais interrogatorios. Cando accedemos ao patio central, o que primeiro atopamos foi unha pira aínda fumegante: os pides prendéranlle lume a canto os podía comprometer. Removemos nas cinzas e aínda puiden facerme con anacos de papeis a medio queimar que contiñan transcricións de escoitas telefónicas. Consérvoos como ouro en pano. Tamén conservo dous libros que o capitán que estaba á fronte do destacamento de soldados me regalou: un deles, "Historias de crianças", relatos curtos nos que alentaban patrias liberadas, e o outro, unha crónica sobre violencia institucional en Mozambique. Formaban parte dos centos de libros, revistas e discos que a censura fora requisando e depositando nunha estancia da primeira planta dese temido edificio.Xa van alá moitos anos. Pero non deixo de revivir a mesma emoción cada 25 de abril. Non sei que sería daqueles soldados que se prestaran, felices, a deixarse fotografar con nós. Que ese recorte do xornal La Voz de Galicia para o que eu cubrira a "Revoluçao dos cravos" naquel abril portugués do 1974 sirva para poñerlles rostro.