Pereira Menaut: “Se a día de hoxe até a Constitución enteira é manipulada, raro sería que o 155 non o fose”
Un dos grandes especialistas en Galicia de Dereito Constitucional español fala nesta entrevista sen pelos na lingua sobre o que supón o conflito entre o Estado e Cataluña, que cualifica de “político e non xurídico” e ao que se lle aplicaron unhas medidas xudiciais —prisión para parte do Govern— que son “dubidosas e pouco axustadas a Dereito”. “Que eu lembre, non hai precedentes de medidas así”, asegura ao subliñar que en países como Reino Unido ou Dinamarca están “tremendamente abraiados” pola reacción do Goberno español.
Por Xurxo Salgado e Alberto Quian | Compostela | 19/11/2017 | Actualizada ás 22:14
Malia ser un dos grandes expertos galegos en Dereito Constitucional, poucos medios lle preguntaron o seu parecer sobre a “constitucionalidade” das medidas xudiciais e políticas adoptadas en Cataluña. Unhas medidas que rexeita abertamente ao dubidar, precisamente, da súa “legalidade”.
Para Pereira Menaut o conflito entre Cataluña e España “é político e non xurídico”. “Estamos diante dunha liorta política artificiosamente legalizada e xudicializada”, indica ao subliñar que os españois tenden a converter os conflitos políticos “en dramas apocalípticos”. “Eu estou afeito a tratar con xente nacionalista de varias partes de España e teño a impresión persoal de que o nacionalismo español descarrilado gáñalle en radicalismo a varios deles (dende logo, ao galego)”, indica nesta entrevista con GC.
Ademais, asegura que “canto máis o xudicialicemos, peor” porque os problemas políticos reclaman remedios políticos. “Os propios xuíces deberían (se poden, claro) botarse fóra desas patacas quentes porque son conflitos políticos xerados por políticos, e que precisan solucións políticas”, engade.
“Ese carácter Madrid-céntrico do actual nacionalismo español, sen precedentes, axúdanos a comprender a situación. Madrid dótase dun inimigo (Cataluña) e consegue con moito éxito ‘recrutar’ contra ela a boa parte do resto de España”, mantén. Por iso, entende que “é dubidoso que se axuste á lei (á Constitución, non) e é seguro que non se axusta a dereito”, tanto o envío a prisión de boa parte do Govern, como a aplicación do 155.
“Unha parte boa desta crise é que nos obrigou a distinguir lei/dereito, lei/xustiza e legalidade/lexitimidade. Axústase á radicalización que padecemos, que tarde ou cedo tiña que vir porque esta mobilización política está como calcada sobre a mobilización futbolístico-españolista, como unha prolongación da última; por iso temos aí o espírito e o estilo dos siareiros do fútbol, con “a por ellos, oé” incluído. O de sacar as bandeiras foise xa poñendo en práctica coa selección durante anos, por iso agora a maquinaria estaba tan engraxada e respondeu tan axiña”, apunta.
Este experto constitucionalista di que “non hai precedentes de medidas así” en Europa. “Os estranxeiros están abraiados; como dicía un americano anti-Trump, de momento Trump aínda non anda a intervir os estados membros nin meter na cadea aos gobernos estatais contrarios”.
Antes de comezar co batería de preguntas, como valora o que está acontecendo en Cataluña?
Antes de nada hai que dicir que o conflito é político e non xurídico. Iso afecta a case todo o que veña despois, pero debemos poñelo en claro dende o principio. Estamos diante dunha liorta política artificiosamente legalizada e xudicializada.
Hai varias maneiras de entender o problema. O que pasa é relativamente sinxelo, e os anglosaxóns, ou os nórdicos, o terían amañado hai xa moito tempo: un territorio aspira a máis autogoberno. Discutible (polo menos para os centralistas), pero en si mesmo nada dramático; o problema tiña solución doada, pero deixárano apodrecer. Cando esa aspiración bate cun valado (a partir das dúas campañas contra Cataluña e, despois, coa lamentable sentencia do TC), vaise radicalizando. Se o valado non é só legal ou institucional, senón ultimamente tamén social e de actitudes (campañas contra produtos cataláns, odio ou xenreira aos cataláns, xente coreando “a por ellos, oé”), pois era previsible que a radicalización medrase e que se abrise unha fenda social moi grande, que non se dará amañado doadamente, con ou sen independencia.
E como solucionarían isto nos países con máis cultura contractualista e de compromiso?
Pois moito antes de chegar a esa situación sentaríanse nunha mesa e buscarían, non os puntos ideais para ningún dos dous, senón os menos malos, aqueles cós que se conformarían de non ter outra cousa millor, ata dar con algún terreo común. Que temos en común no teu Plan A e no meu Plan A? Como somos contrarios, posiblemente, nada. E no teu Plan B e máis no meu Plan B? Pois tal vez escomncemos a ter un pouquiño. Sigamos baixando as esixencias por ámbolos dous lados, e nos respectivos plans C, haberá algo máis en común? Seguro que algo máis. E así sucesivamente.
Tentando ir ás raíces do asunto, a historia amosa que os españois tenden a converter os conflitos políticos en dramas apocalípticos. Últimamente estáme costando traballo convencer a algunha xente boa e riquiña de que se Cataluña se fixera independente, ao día seguinte sairía o sol igual, e que a mín afectame moito máis o 15-O (os incendios) que o 1-O (o referendo).
Bótalle unha olladiña á historia. Contra 1810, os hispanoamericanos contentábase con libre comercio, unha certa descentralización e non moito máis. Un berro usual era “Viva Fernando VII; abajo el mal gobierno”; non berraban contra España nin contra o Rei, aínda que fose pouco presentable. Algúns propuxeron unha especie de Commonwealth hispana. Pero a radical negativa española levounos ao independentismo. Perdeuse case toda América pero os españois non aprenderon: ignoraron as reivindicacións dos cubanos xa dende o 1830, libraron alí unha guerra (1868-1878) e non cederon en nada. En 1897 outorgaron estatutos de autonomía para Cuba e Puerto Rico, pero... en 1898 os norteamericanos expulsarían aos españois de América.
Outro enfoque que axuda moito é ver o que está a pasar como un conflito entre nacionalismos. Despois dos últimos meses, ninguén pode pretender que non existe un nacionalismo español, inmoderado e radical como o que máis. Eu estou afeito a tratar con xente nacionalista de varias partes de España e teño a impresión persoal de que o nacionalismo español descarrilado gáñalle en radicalismo a varios deles (dende logo, ao galego). Por iso, non semellan moi dispostos a vincere ma non stravincere, a vencer sen asoballar: se poden, asoballarán; nada de do not press one’s advantage propio dun gentleman.
Última cousiña: outra maneira de enfocar a actual liorta é ver o problema como un enfrontamento Madrid-Cataluña; eis o descomedido medre de Madrid nos últimos decenios. Cataluña retrocede comparativamente e Madrid non para de avanzar. Pero, claro, Madrid non é como Londres, Washington, Berlín, Roma ou Brasilia; Madrid vive de ser o centro, e toda posible descentralización baterá con ela, porque implica quitarlle algo a Madrid e as elites gobernantes centrais. Ata o túnel hidrodinámico para probar os barcos está en Madrid; non está en Ferrol. Dende os tempos de Aznar hai como un proxecto non formalizado de facer de Madrid un París ou Londres; de feito, xa ten máis poboación que calquera capital europea non sendo esas dúas e Moscova. Moito do actual conflito territorial español enténdese tendo de conta o novo Madrid; se non o cres, fai unha viaxe en coche polas pequenas vilas das dúas Castelas, ou repara na cantidade de sedes centrais bancarias que hai agora en Madrid, ou a cantidade de masters que se imparten alí. Todo o que se recoñecera a unha comunidade autónoma, será visto polas elites de Madrid como algo que pouco menos que lles rouban a eles; como se agora decidiran poñer a sede da Real Academia en Lanzarote, o Tribunal Constitucional en Viveiro, etc. Este enfoque —conflito Madrid-Barcelona— axuda a comprender a idea, sen precedentes na España centralista, de derrotar empobrecendo unha parte do territorio. O ditador Primo de Rivera mimou a Cataluña, Franco conquistouna, pero non a empobreceu (máis ben ao contrario). Se neste combate de boxeo legalístico triunfa Madrid, Cataluña deixará de ser o contrapeso que sempre foi; estaremos diante dun cambio histórico, e o resto non nos veremos favorecidos en nada.
Ese carácter Madrid-céntrico do actual nacionalismo español, sen precedentes, axúdanos a comprender a situación. Madrid dótase dun inimigo (Cataluña) e consegue con moito éxito “reclutar” contra ela a boa parte do resto de España, pero eso explica que o tradicional corazón de España estea missing en todo esto: León está desaparecido, para a xente máis nova, como se nunca tivera existido tal Reino; e as Castelas seguirán despoboadas e envellecidas por moito que o separatismo catalán sexa derrotado.
O desenlace que de momento está dándose ao conflito é tamén unha demostración (se nestas cousas caben “demostracións”) de que por medios pacíficos e “legais”, e tanto con razón como sen ela, ningún territorio español accederá á independencia doadamente (prescindindo agora do factor europeo).
E nesta presión entre o centro e a periferia ou entre Madrid e Barcelona, axústase a Dereito a detención de boa parte do Govern catalán?
É dubidoso que se axuste á lei (á Constitución, non) e é seguro que non se axusta a dereito. Unha parte boa desta crise é que nos obrigou a distinguir lei/dereito, lei/xustiza e legalidade/lexitimidade. Axústase á radicalización que padecemos, que tarde ou cedo tiña que vir porque esta mobilización política está como calcada sobre a mobilización futbolístico-españolista, como unha prolongación da última; por iso temos aí o espírito e o estilo dos siareiros do fútbol, con “a por ellos, oé” incluído. O de sacar as bandeiras foise xa poñendo en práctica coa selección durante anos, por iso agora a maquinaria estaba tan engraxada e respondeu tan axiña.
Comecemos por unha cousa que nunca insistiremos abondo: o conflito catalán non é xurídico, senón político. Canto máis o xudicialicemos, peor. Problemas políticos reclaman remedios políticos. Os propios xuíces deberían (se poden, claro) botarse fóra desas patacas quentes porque son conflitos políticos xerados por políticos, e que precisan solucións políticas. A única rama do Dereito que ten algo serio que dicir é o hoxe desacreditado dereito natural, ao que recorreron os americanos na súa Declaración de Independencia: existe o dereito natural á autodeterminación, si ou non? A min paréceme moi difícil negalo; pódese condicionalo (por exemplo, a respectar os dereitos adquiridos das minorías, a facer un referendo limpo e ben feito), pero nunha sociedade democrática, paréceme moi difícil xustificar a súa negación frontal. Como dixo o danés Bertel Haarder o pasado día 2 no Nordic Council; “se Groenlandia e as Faeroe queren total independencia é cousa deles” (naturalmente, Dinamarca pararía de lles mandar fondos). Compara tamén o conflito catalán có conflicto escocés: plantexouse como un problema político, como antes o conflito irlandés, como os Acordos do Venres Santo, etc. Os partidarios do Brexit tampouco o viron como un tema xurídico (curiosamente, algúns dos remainers si que tentaron de xudicializalo, con éxito só relativo).
Non pode ser que nos problemas políticos, ao final, os malos da película sexan os xuíces. Xa levamos decenios que os gobernos andan a cargar ao dereito e os xuíces coas tarefas políticas máis incómodas: Temos un problema de terrorismo? Botémoslle a lei enriba e ignoremos a parte de política que teña. Branqueo de diñeiro? Igual. Independentismo catalán? Igual. Así dan unha sensación de Estado conforme ao Dereito, despolitización, xustiza imparcial, etc.. Curiosamente, os independentistas cataláns, no canto de optar pola vía americana (We, the People...) optaron tamén pola vía legalista, non sei se por necesidade ou por compartir o plantexamento básico español nese punto. Total, para que o seu legalismo batera có legalismo implacable de Goliat e có control por Montoro, e perdera a capacidade de arrastre do plantexamento abertamente político, có seu romanticismo e os seus grandes horizontes. No canto de parecer heroes, ou como pouco disidentes políticos de algunha autocracia ou totalitarismo, parecen funcionarios discutindo sobre excesos de competencias e destino das partidas orzamentarias. Póñense como quen acepta xogar no terreo do contrario, cós árbitros designados polo contrario e coas regras do contrario, que asemade pode ditar regras novas cando lle prace.
Nese contexto, a detención do Govern é unha medida abertamente autoritaria, e asemade un despropósito político; fainos lembrar daquelas fotos dos libros de historia, nos que aparece o goberno catalán dos anos 30 tras das reixas. Sona como “descabezamos a oposición, e a seguido convocamos eleccións”.
É unha medida proporcionada ou desproporcionada?
Mesmo dentro do iuspositivismo español (ou sexa, que non hai máis dereito que a lei escrita, xusta ou inxusta, e na práctica non fai caso á Constitución) non ten sentido ningún. Xa ves que o Tribunal Supremo seguiu outra liña máis tranquila que a da Audiencia Nacional. Os estranxeiros están abraiados; como dicía un americano anti-Trump, de momento Trump aínda non anda a intervir os estados membros nin meter na cadea aos gobernos estatais contrarios.
Que eu lembre, non hai precedentes de medidas así. Meteuse na cadea á Mesa de Herri Batasuna nos tempos do autoritario Aznar, pero aparte de que en Cataluña non hai HB, tampouco aquilo estivera xustificado. Se a ningún deles se lles probou algo realmente anti-xurídico, non se lles podería encarcerar.
Mesmo o moderado Times falou de “Rajoy’s Prisoners” o pasado día 7, argumentando en favor de manter a unidade de España, pero alertando a Rajoy de que se pasou moito, e de que está a se disparar no pé. O mero feito de falar dos “presos de Rajoy”, e que o faga o Times, xa debería ter feito saltar todas as alarmas se vivíramos nunha democracia liberal e constitucional.
Preguntámolo porque hai voces que consideran esaxerada a prisión preventiva e pouco suxeito a Dereito imputar cargo de rebelión aos acusados. Que opina?
Os tempos cambiaron. Hai que situar as cousas no contexto. Hoxe, o Código Penal, despois das derradeiras reformas, está moi duro e politizado. Bótalle unha ollada tí mesmo. Esaxerando: hoxe, sen moito esforzo podería ser delito calquera cousa política saída de ton (e moitas non políticas). Hai delitos contra case todo o imaxinable, contra a Constitución, contra a división de poderes, contra os orzamentos da UE (art. 306); deber diñeiro a Facenda ou á Seguridade Social pode ser delito a partir de 50.000 euros. E así sucesivamente. Algúns opinan que este Código Penal de 1995, coas reformas, é máis duro que o último do Franquismo (1973), punto no que me confeso ignorante e déixoo aos especialistas, pero prima facie semella que sí. Certamente, a rebelión está penalizada (art. 472) e eso non é raro no dereito comparado, pero é que o que aconteceu en Cataluña non se debe considerar rebelión (por exemplo, non houbo violencia); o individuo normal con sentido común entende por rebelión outra cousa. O dereito penal naceu para garantir aos reos un xuicio xusto e só unhas penas previstas na lei e xustas, pero agora estáse a converter nun instrumento gubernamental, cousa inadmisible nin para fins bóos.
Hoxe en día, o que se trata de conseguir por medio do novo dereito penal do inimigo, da normalización do estado de excepción, da Ley de Seguridad Ciudadana e demáis, ven sendo, mutatis mutandis, o que hai cincuenta ou cen anos conseguiríase por medio dun militar a cabalo ou un policía franquista bigotudo e malencarado dando porrazos.
Había algunha outra alternativa?
A primeira alternativa é que, como dixeron no Nordic Council o 2 de Novembro, non tiña por que se ter chegado a tal situación. O mesmo Haarder dixo que se Cataluña estivera na zona nórdica, haberíase acadado algún compromiso hai moito tempo. Deixar apodrecer os problemas —especialmente cando o choque de trens víase vir— é cousa de pésimos políticos. Se aos médicos lle levamos só cadáveres, ou agonizantes, non atoparán alternativa ningunha viable por moi bos médicos que sexan.
Dende un punto de vista político de fondo, non hai outra alternativa que negociar, gústelle ou non a Madrid. As outras posibilidades son a independencia, que España nunca aceptará (aínda que podería ser light), ou ben unha masiva recentralización non só institucional senón tamén económica, educativa e cultural, que gustaría a non poucos, pero que está por ver que fose unha saída práctica, porque, non sería eficaz de non ser moi subrepticia e lenta (e nese caso non chega a tempo para o problema actual) e atoparía obstáculos diversos; se é que non producía un efecto rebote. Certo que a recentralización escomezou hai xa ben quince anos, e que hoxe é moito máis intelixente que antes, pero precisamente esa é unha das causas remotas do actual estourido catalán (noutras comunidades non atopa tanta resistencia).
Tendo de conta que coa boca pequena moita xente importante en Europa está a dicirlle a Rajoy que dialogue, e que España nestes decenios ven sempre comportándose como unha especie de super-protectorado obediente á UE, o máis probable é que de aquí a algún tempo escomece algunha reforma constitucional de tipo federalizante, pero na que as elites centrais tal vez nunca crean sinceramente; como non creron na autonomía. De ser así, algún tempo despois teimarían por recentralizar, de maneira que ao cabo de varios anos ou decenios poderíase reproducir un problema semellante ao actual (máis ou menos, o que pasou de 1978 aquí).
Dende un punto de vista de práctica xurídica, a vida real dos xulgados e tribunais, ordinariamente lentos agás que se trate de Cataluña, subministra pola vía factica unha posibilidade de facer as cousas de vagar, de xeito que salvando todo o mundo a cara, se chegase ata as eleccións do 21-D, que non falta tanto, con todos os políticos cataláns na rúa e aínda sen xulgar.
E en todo este proceso express, pensa que se entende que o Supremo accedese ás peticións das defensas e atrasar unha semana as declaracións dos membros da Mesa do Parlament e a Audiencia Nacional só lles dese 24 horas para preparar a defensa aos ex-consellers?
Darlles 24 horas para preparar a defensa parece unha broma de non ser porque atenta contra o dereito a un xuicio xusto do art. 24 da Constitución, famoso dereito das películas americanas de policías e avogados. Amáis diso, como diciamos, eu non vexo claro que a Audiencia Nacional deba existir (abonda con botar un ollo a Constitución). Polo tipo de casos que xulga, sempre foi, como se dixéramos, un pouco máis “combativa” que o Supremo, pero desta vez pasouse moito.
Debe a Xustiza avaliar tamén o clima político e social para adoptar decisións en casos coma estes?
Home, eu por principio, polo meu concepto do dereito e o meu concepto da política, propoño des-xuridificar canto sexa posible os conflitos políticos; a problemas políticos, solucións políticas. Asemade compre subliñar que na corta historia da democracia española, era habitual ata agora unha praxe non escrita (que eu saiba): que se se convocaban unhas eleccións, estatais ou autonómicas, os traballos xurisdicionais que puideran ter relación con ese envite electoral, quedaban de facto como en standby ata que se deran feitas as eleccións e se formara o novo parlamento e o novo goberno.
E logo do que está acontecendo, pensa que un artigo tan ambiguo como o 155 foi aplicado polo Goberno nunha medida xusta?
Ese artigo, que é máis ben corto (ten dous parágrafos) e pouco complicado, aínda hoxe descarrilado por causa dos políticos dos grandes partidos e de certos medios. Non é tan ambiguo como a xente pensa. Da Constitución alemá ven o de “dar instrucións” (suponse que obrigatorias), pero “dar instrucións” non é destituír, suspender, suprimir, convocar novas eleccións, enviar á cadea... No primeiro parágrafo fálase de “medidas necesarias”, sen especificar, cousa que non está nada ben porque no constitucionalismo os cheques en branco non existen. Sabemos polas discusións das Cortes constituíntes (onde rexeitouse iso, que defendía Fraga) que aí non cabe suspender a autonomía nin nada equivalente.
Cal cre que son as dificultades que suscita esa ambigüidade do 155 para a súa correcta aplicación?
Antes de nada, é certo que os sistemas non unitarios teñen algún recurso para garantir a unidade nos casos difíciles. O federalismo, en último extremo, forzado a elixir, aposta pola unidade (por iso aos partidos centrais non lles debía dar tanto arrepío). Nos USA, en casos extremos, Washington podería mandar ao exército (Guerra de Secesión, caso Brown v Topeka no 1954), pero non hai na súa Constitución artigo ningún equivalente ao 155, nin artigo que permita, nunha emerxencia, suprimir o federalismo, disolver os congresos estatais, etc.
Isto tamén implica que para quen aspira xa non a independizarse senón a un certo grado substancial de autogoberno, pode non ser suficiente un federalismo mexicano ou arxentino (países moi ben queridos, pero centralizados abondo). Hai federalismos de varios tipos; non vale dicir “queremos un federalismo” sen matizar cal. Na práctica, eu atrévome a supoñer que se os líderes cataláns se viran coas potestades e competencias de —por exemplo— California, razoablemente garantidas, estarían satisfeitos. Eu o estaría, dende logo.
En que medida é interpretable o 155, se o é, e polo tanto manipulable para un interese político, para un goberno?
En si mesmo, non é tan especialmente manipulable. Có 155 na man, o goberno non pode acabar mudando a Constitución pola vía aáctica, alterando o reparto competencial, atentando contra a división de poderes ou calquera outra resultado que no fondo sexa anti-constitucional (suprimir as comunidades autónomas é anti-constitucional, polo menos namentras non se mude a Constitución), porque o 155, como todo artigo, ten que ser interpretado no conxunto da Constitución. Agora ben, se a día de hoxe até a Constitución enteira é manipulada, raro sería que o 155 non o fose.
Debe tamén advertirse que o 155, inspirado moi de preto no 37 da Lei Fundamental de Bonn, implica que o resto das comunidades autónomas o autoricen (no Bundesrat vótase por Länder), cousa que en España non se cumpre porque no Senado vótase por partidos igual que no Congreso, coa agravante respecto do Congreso de que un partido que en Cataluña é anecdótico (o PP), coa maioría absoluta no Senado podería decidir unilateralmente sobre unha comunidade autónoma na que a súa lexitimidade é moi escasa.
Pero semella que a aplicación do 155 está entrando en contradición con outros dereitos?
Iso non é tan raro; se mesmo no caso dunha aplicación correcta non se podería garantir doadamente que non batera cos dereitos dos implicados, imaxínate nunha aplicación incorrecta e autoritaria.
Hai presións políticas á Xustiza ou no caso catalán se está actuando realmente de xeito independente? Porque hai a sensación en certa parte da cidadanía de que algúns xuíces e fiscais actúan en función de ordes políticas...
Un notado profesor dixo que o artigo 155 desencadeou un activismo fiscal e xudicial frenético, pero na miña opinión tamén se tería desencadeado igual aínda que o Goberno, no canto do 155, tivera utilizado o control de gasto e a Ley de Seguridad Nacional.
A separación de poderes é unha asinatura pendente xa dende 1978, porque esta Constitución, sen dúbida é a mellor das españolas, non a garante. O procedemento de designación dos xuíces do TC abre todas as vías á politización. O Consello do Poder Xudicial, pola súa composición, está aberto ás influencias políticas e (segundo cál sexa a maioría) a actuar como correa de transmisión do goberno.
Tampouco podemos ignorar que os xuíces razoablemente despolitizados, honrados e competentes, como son a maioría, teñen sido aprendidos a respectar a lei positiva e moitos consideran a unidade de España como natural e intocable. Moita xente boa e mesmo ilustrada considera que pódese discutir dentro de España, pero non sobre España, que deste xeito vólvese indiscutible; algo así como se, ao deixar os españois de ser católicos, transferiran inconscientemente a España unha actitude relixiosa ou case-relixiosa: como todos precisamos algo de absoluto, se xa non é Deus, será España. Ironicamente, iso sucede nun momento no que nin está claro que España como nación realmente exista nin teña outro futuro que o dun “protectorado da UE que tolea por falar inglés”. O último, a carencia de proxecto futuro, nótase en que, fóra da prohibición e da negación, o Goberno non da argumentos para que Cataluña quede; como se non houbera un proxecto de España para ilusionar a Cataluña (ou outra comunidade autónoma).
Hai quen di que cos casos de corrupción do PP, ou doutros partidos, non había tanta présa nas decisións xudiciais?
Iso é ben sabido e é unha das cousas que se lles reprochan á xusticia agora. Sendo as cousas como son eu non reprocho tanto aos xuíces o ser lentos neses casos, porque o son ou moitas veces, como tratar discriminatoriamente aos cataláns.
Falando de como solucionar a cuestión catalá, ve posible un referendo legal e pactado coa Constitución actual?
Como dixen, o meu enfoque non é moi legalista. Tal como están a Constitución e a Lei Orgánica, un referendo vinculante sobre independencia dun territorio, non ía ser legalmente fácil. A Constitución non prohibe necesariamente un referendo cuxa xénese fose pactada, pero, mesmo se superáramos as dificultades legais, sendo realistas, véxoo improbable. Pisemos terra. Se o Goberno está acariciando as posibilidades de acabar coas autonomías, ou polo menos retirarlles sanidade e educación (que é o 70 por cento do que fan moitas), ou mantelas pero practicamente como entes descentralizados do poder central; se algúns falan de aplicar o 155 a toda autonomía que se mova, e Montoro intervén case manu militari nas finanzas municipais madrileñas como se a Constitución non garantira autonomía ningunha aos municipios (art. 140), parécete realista esperar que ese mesmo Goberno acceda a facer un referendo sobre a independencia, e acate os resultados?
Pero é desexable un referendo pactado? Isto implicaría unha reforma en profundidade da Constitución. Está a clase política e xudicial preparada para iso?
Escomenzando polo ultimo. A clase xudicial, dende logo está preparada, porque só con limitarse aos terreos xurídicos e deixarnos a política a nós, os cidadáns, chegaría. Un coñecido profesor americano, Mark Tushnet, escribiu xa hai anos un libriño titulado Retirar a Constitución dos Tribunais. Na práctica, pode non ser tan doado, porque moitos xuíces, como moitos xuristas españois, teñen hábitos mentais contrarios, así como tamén porque en España existe un Tribunal Constitucional (nos USA e en moitos outros países, non o hai), e mesmo porque os ánimos están crispados, e os xuíces viven en sociedade, e non nunha burbulla. Se un xuíz recibe unha lei abertamente politizada, como son varias das que afectan o tema catalán, ou de reforma do Código Penal, en principio para él é tan lei como calquera. Pode suscitar unha cuestión de inconstitucionalidade diante do Tribunal Constitucional, órgano que —sendo realistas— non parece garantir moito aos cataláns (ahí tes a resposta express ao seu recurso contra o 155). Se queren axudar a destensar e des-xuridificar a política, quédanlle solucións facticas do tipo de arrastrar os pés e similares, que non son solucións definitivas pero contribuirían a destensar o ambiente.
Respecto da reforma en profundidade da Constitución: hai que a facer; pero se houbera a vontade política de facer o referendo, mesmo como está a Constitución, sen reformar, xa sería posible pactar un referendo. A xente pensa que en Escocia se fixo un referendo porque a Constitución británica o prevía así, e non é certo; fíxose, simplemente, porque os anglosaxóns son expertos en impedir que a onda chegue a coller demasiada presión e porque vían o problema como político e non xurídico.
Respecto da clase política, volvamos ao dito. Se realmente non acreditan na división de poderes, se realmente o que quererían é volver a unha especie de centralismo... tira as túas propias conclusións. Cantos políticos españois aceptarían sen pestanear que California mude a súa Constitución cando queira, que Delaware se auto-constitúa en paraíso fiscal, que o Bundesrat poida bloquear un 30 por cento das leis federais, que cada Land alemán teña o seu propio poder xudicial e o seu propio TC, que o poder central teña nada ou pouco que dicir en educación, que as policías autonómicas foran independentes da central...? Aceptarían un sistema electoral que desapodere ás direccións dos partidos e dea máis peso ao deputado local? ¿Aceptarían extender a toda España o arranxo tributario de Navarra? ¿Aceptarían perder todo poder sobre os medios de comunicación públicos, como a BBC, cando hoxe non mandan só nos públicos senón mesmo nos que alguén xa chama “os concertados”?
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Comentarios: