
Fonte: https://www.galiciae.com/blog/manuel-gago/hackear-a-coroa/20260113184026105712.html
253. No filme La tierra prometida (Nicolaj
Arcel, 2023, Filmin) Ludvig Kahlen, un capitán retirado do exército
dinamarqués (Mads Nikkelsen), accede ao chamado do rei para colonizar
agrariamente o infértil páramo de Xutlandia. Estamos no século XVIII e
os ilustrados danlle moitas voltas á terra e en como multiplicar o seu
rendemento. Kahlen garda unha carta segreda que non quere desvelar e
confía en que o rei lle conceda en contrapartida un título nobiliario. O
filme representa moi ben esa esperanza case indestructible que tiña a
xente do pasado na figura do rei, e que hoxe nos resulta tan difícil de
comprender. Como vai ser o rei un valedor da xente do común fronte os
poderosos, pensaremos, se el mesmo é a fonte da que dimana —cos seus
nomeamentos de duques, condes e marqueses— toda a estrutura que oprime
aos humildes? Iso é o que pensamos hoxe, se cadra porque aínda contamos
coa división de poderes de Montesquieu. Nas súas esforzadas xornadas de
Xutlandia, a pesar de todas as zoupadas que lle infrinxe o cacique
local, el segue a crer no amparo do rei. É unha crenza abstracta, case
como unha fe. É o rei pero é algo máis que o rei. A fonte que xustifica
revoltas territoriais, o nome que se invoca nos patíbulos, a excusa
mentireira dos procesos de independencia, a última esperanza.
254. En Galicia este fenómeno foi polo libro. O rei
invocouse nas Guerras Irmandiñas, e non se tirou nin unha soa fortaleza
sen o seu permiso, e foi esa salvagarda a que evitou que a nobreza
acometera unha salvaxe campaña de represión cando volveu. Cando a
influencia castelá se fixo escandalosa a principios do século XVI e os
funcionarios foráneos fixéronse con todos os postos de poder do reino,
os reis desenvolveron en paralelo a Real Audiencia do Reino de Galicia, o
instrumento de xustiza que primeiro estivo localizado en Santiago e
despois na Coruña. A institución exerceu de contrapeso independente
fronte aos abusos da aristocracia galega. Os labregos valorárona
moitísimo e chamabanlle a "fonte de auga limpa". Como sería a cousa para
que uns paisanos falaran ben dunha institución e mesmo xente con poucos
recursos se atrevera a pleitear contra un mosteiro ou un conde na
confianza de que había posibilidade de vitoria. Ás veces nos pleitos as
testemuñas aludían os reis do pasado, pero non se acordaban do seu nome
cando lles preguntaban: eran como entes abstractos. A partir do século
XVI, os reis pouco máis fixeron polo reino occidental, e iso tamén se
aprecia na pedra. O derradeiro rei representado con certa frecuencia na
arte galega —tampouco moito, non se entusiasme ninguén— foi Filipe II.
Os concellos galegos encargaban os prescritivos retratos do Austria ou
do Borbón do momento para os salóns, pero ninguén tivo moito interese en
conservalos. Cando entendemos a escasa aversión actual dos galegos polo
rei —inseparable da nosa evidente indiferencia, da que somos
conscientes cando observamos como se adora á monarquía noutras latitudes
ibéricas—, conectámonos cunha historia de moitos séculos nos que os
reis non adoitaron ser vistos coma inimigos. Eu penso que os galegos
comezaron a esquecerse do nome dos reis cando estes deixaron de se
chamar Afonso. Un día cóntolles por que.
255. Os reis sempre o souberon ou intuíron. O
vicepresidente da Xunta Carlos Mella criticou en público en 1983, de
acordo con Xerardo Fernández Albor, que Xoán Carlos I delegara a ofrenda
do Apóstolo no delegado do Goberno, Domingo García Sabell, no canto do
presidente da Xunta. A polémica provocou que o rei acurtara unha viaxe a
Venezuela para vir el en persoa a presentarlle os respectos ao
Apóstolo. Esa disputa interna de patacón nunha autonomía que fora votada
en precario e bombardeada por uns e por outros, chegara a preocupar ao
monarca. Sempre me preguntei por que. É certo que a confusión da
Transición, con todas as cartas abertas, beneficiou á nosa feble
autonomía galega. Lembremos que algúns prestidixitadores conseguiran a
xenialidade de enganar ás persoas axeitadas, facéndolles crer que a
autonomía de Galicia estaba máis respaldada do que estaba. A rápida
reacción do rei, acudindo presto a apagar o incendio, debeu responder ao
medo a que se abrira unha fronte nova nun sitio perigoso. Estivo
astuto, vaia.
256. Pensaba nisto ao ler Reconciliación (Planeta,
2025), o innecesario libro de Xoán Carlos I. Xa saben que eu teño
afección ás, polo xeral mediocres, biografías dos políticos, porque en
todas se escapan tres ou catro detalles valiosos. Lembro un verán no que
lin á par sobre a toalla as memorias dos chantadinos Víctor M. Vázquez
Portomeñe, antigo conselleiro de Cultura e outros, e as do xornalista
Afonso Eiré. Tíñaas as dúas sobre a toalla e alternaba capítulos. Poucas
veces teño gozado tanto de confrontar por escrito dúas visións do país
que, postas en paralelo, permiten entender éxitos e fracasos. En Reconciliación,
o rei colócanos aos galegos no noso sitio. Así narra o retorno dos
Emiratos Árabes en 2022: "partín cheo de esperanza cara a Vigo. De alí
partira e alí volvía. Era coma se o meu verdadeiro fogar fose un pequeno
porto de Galicia e non un pazo de Madrid, como se a miña relación con
España tivera máis que ver coas súas periferias e a autenticidade das
súas paisaxes e as súas xentes que coa súa capital e as súas enredadas
políticas". Estou convencido de que nesta visión indixenista Xoán Carlos
de Borbón puxo todo o amor do seu corazón. A ver quen lle corta o rollo
explicando que aquí tamén hai unha capital, enredos políticos e os que
os propios galegos tamén establecen escalas de paisaxes auténticas e
menos auténticas dentro do noso país. E iso que podía ter entrado no
affaire Mella e darnos o seu punto de vista.
257. Na aldea de Sarandós (Abegondo) consérvase unha
casa na que a tradición sinala que durmiu Filipe II no seu camiño cara á
Coruña, onde ía embarcar para casar en Inglaterra con María Tudor en
1554. A casa conta cun valioso escudo real no que unha inscrición lembra
o real descanso. Pero o máis notable do escudo é que está hackeado. Un
caliz destaca a maior tamaño que os leóns e torres do escudo de Castela e
León. Eis o escudo da coroa de Galicia, Castela e León, e expertos como
Eduardo Pardo de Guevara consideran que é o primeiro no que os galegos
introducen o seu propio símbolo na coroa real. Foi labrado posiblemente a
principios do século XVII, nun momento no que Galicia estaba
reinventándose: a Xunta do Reino encargaba crónicas da súa historia, a
aristocracia financiaba mapas do reino impresos en Amberes, os eruditos
indagaban en arquivos e na súa imaxinación para elaborar un pasado, A
Coruña e Santiago loitaban por seren cabezas (capitais) do reino. Como
digo, a partir de aí, en lugares moi significados, os galegos fixeron a
súa propia versión do escudo real. Ese cáliz raramente se incluiu fóra
de Galicia ou nas obras promovidas pola propia Coroa. Estou pensando,
por exemplo, no escudo do Pazo Real de Madrid, onde aparecen as flores
de Lis da casa borbónica no mesmo lugar no que os galegos colocamos o
noso Grial, ou no propio escudo oficial do reino de España que levamos
no pasaporte. Só hai un caso distinto: o cáliz galego coas cruces no
centro do escudo español no Pazo das Comunicacións de Madrid, deseñado
polo noso Antonio Palacios. Seica foi Valentín Paz Andrade quen
visitando o obradoiro do arquitecto, viu o rascuño do escudo real, e lle
dixo: "Prántalle aí no medio o de Galicia". Ese prantar en sentido
figurado, pero quen sabe se tamén nun sentido case real.
256. Os sucesivos El-rei deberon dar un
consentemento tácito a estes escudos galeguizados do Antigo Réxime que
atopamos na Coruña, en Santiago —no Panteón Real ou na Universidade— ou
mesmo no santuario da Escravitude (Padrón). "Total, estes pasan o día
inventando pero non pasan de aí", seguro que dixo algún ministro no seu
despacho diario ao sacar de pasada o tema. Quizas non se decataban de
que no fondo, os galegos estaban propoñendo outra lectura, máis
inclusiva, da historia de España. Os sucesivos El-rei, prudentes ou
timoratos, calaron. É bo que os reis deixen que falen outros por eles,
mesmo que imaxinen por eles. Dar explicacións é un asunto que require
moita práctica.
Um bom texto para tratar da defessa comúm duma constitução. Quando chegar estes debates são invevitáveis a aparições de anjos, arcanjos, querubins&serafins que olham para o consenso conseguido numa época histórica complicada como uma pérfida confabulação entre uns fracos esquerdalhos e uns opulentos donos da fazenda. O posibilismo não da réditos no debate , todos iriam mais lá para chegarem o mundo ideal. Há uma carreira por ensinarnos o céu mais lindo possível. Como se uma constitução fosse capaz de arranjar todo quanto problema futuro viesse, e como se for um livro sacro que Deus deija num Sinaí imaginario. Não, só é uma declaração de intenções e princípios para conseguir o artelhamento e funcionamento das estruturas do Estado, e sobre todo na que se vejam representados uma grande maioria dos cidadãos.
ORGULHO IBÉRICO.
https://aspirinab.com/valupi/orgulho-iberico-3/
Assim é. Comparto iste orgulho e mais o anterior do blogue.