1 Decembro, 2018
Perdas hai moitas, mais unha das maiores perdas no
xornalismo galego dos últimos tempos é a perda de humor de Xosé Luís
Barreiro Rivas. Con humor ou sen el, e dende que pasou da política
activa a profesor e analista, eu non me perdo ningún dos seus
comentarios en La Voz de Galicia. Esteas ou non de acordo, cada
artigo de Barreiro ten fósforo e fai traballar o maxín. E ademais
escribe ben, con «finezza», nun país onde as elites son ágrafas e mancas
de «finezza».
Por iso preocúpame a metamorfose de Barreiro. Ao comezo, cada artigo
era unha festa, xenerosa en fogos de luces e bombas de palenque irónico.
Como político xa tiña esa calidade da escola da retranca. El foi, entre
outras cousas, o verdadeiro artífice da RTVG, con grande incomodo do
aparello central do seu partido, a Alianza Popular que logo mudaría en
PP. Cada vez que Barreiro se movía, renxían os cadeados todos, en Madrid
e tamén nos ambientes do señoritismo hidrofóbico en Galicia. Mais el
era resolutivo. Puxo unha data para inaugurar a TVG e a posta en marcha
adiábase porque había unha granxa de porcos próxima ás instalacións. Un
día, presentouse Barreiro en San Marcos, reuniu a directivos e técnicos e
cando saíu como desculpa do atraso o asunto da granxa de porcos, foi
el e espetou unha pregunta: «O cheiro dos porcos transmítese polas
ondas de televisión?». E aí acabou o conto.
Ten contado con moita graza algunhas anécdotas do seu paso pola
política. Nunha delas era protagonista o que foi célebre alcalde de
Porriño, José Manuel Barros, un home descomunal en todos os sentidos.
Cando Barreiro preparou o xaque mate contra o entón presidente da Xunta,
Fernández Albor, foi pedir apoio para a xogada aos pesos pesados locais
do partido. Entre eles, claro, Barros. Pero o de Porriño sorprendeuno
botándose a chorar e logo díxolle: «Mira, Barreiro, eu non teño ‘huevos’
para iso. O que ten collóns é Pepe Cuiña!». E tíñaos.
Agora non faltan luces nos escritos de Barrreiro, mais son un pouco
candeas de velorio. A súa perda de humor, a caída produtiva dun campión
da retranca como el, é tamén unha perda patrimonial. Agrava o estado de
recesión anímica. Hai días en que semella que Barreiro está a piques de
volver á política e crear o Partido da Apocalipse de Forcarei. Véselle
indignado, sobre todo cando fala dos indignados.
Eu teño saudade do Barreiro campión da retranca, mestre da ironía e
artista da «finezza». E dillo alguén que cando quixo facer un libro de
humor saíulle un titulado Contra Todo Isto.