“Reino
Asturleonés” é a denominación que a historiografía tradicionalista
española emprega para definir o espazo político do reino medieval de
Galicia entre os anos 711 e 910.
O
Reino de Galicia é unha entidade política con continuidade histórica
dende o 410, data de creación do reino suevo na provincia romana de Gallaecia, ata o 1486, ano da viaxe dos Reis Católicos a Galicia, que consagra a sumisión do reino a Castela.
A OCULTACIÓN DO REINO GALEGO
A
confusión ou ocultación da denominación histórica do noroeste da
península Ibérica parte da historiografía liberal española do século
XIX, iniciándose coa publicación en 1850 da Historia general de España de M. Lafuente, que traduce o termo árabe Jalikiah ou Yilliquiyya,
documentado en numerosas fontes escritas musulmás, por Reino de León.
Esta denominación musulmá é coincidente cas fontes cristiás da época
medieval, galegas e europeas, que identifican claramente a Galicia como a
extensa rexión do noroeste da península Ibérica. Así, a causa da
ocultación de Galicia, o nome máis coherente coas fontes para a rexión
do noroeste peninsular, non é histórica, senon que agocha unha
intencionalidade política, pois admitir que os dous núcleos xeográficos e
políticos da península Ibérica na Idade Media son Galicia e al-Andalus
ou Spania nega a principal premisa da historiografía nacionalista
española, coa que debe identificarse o pobo do Estado-nación español:
un espíritu nacional, católico e, logo, castelán, que se perpetúa dende a
época romana no reino dos visigodos e cuxo testemuño é recollido por
Paio en Covadonga, pasado aos monarcas asturianos, leoneses e, logo,
casteláns, en continua batalla coa finalidade de unificar España e
expulsar ao Islam, acadada cos Reis Católicos. A España centralista
do século XIX non podía ter raíces musulmás, nin un pasado que non
tendese á unidade da patria baixo unha única Coroa, nin ter a súa orixe
nun poder que non fose castelán, moito menos nun poder con centro en
Galicia, rexión domada no século XV.
A
partir de Lafuente, con gran impulso da xeración do 98, da que é
representante Menéndez Pidal, a historiografía tradicionalista española
designará con distintas denominacións o que foi a evolución do reino
galego, buscando a identificación de España coa Igrexa católica e con
Castela.
Así:
- os termos "reino de Asturias" ou "reino asturleonés" úsanse para definir a evolución da Gallaecia entre o ano 711 e o 910.
-
"reino de León" sería o reino de Galicia entre o 910 e 1230.
Confundindo a sede rexia coa denominación de todo o reino, que seguía a
ser Galicia, a historiografía española crea un reino en León cando esta
non é máis que cidade cun pequeno territorio adxacente. Dende inicios do
século XII comeza a disgregación do reino de Galicia coa independencia
de Portugal, a configuración dunha entidade territorial en León e a
separación, en 1157, de Galicia e León e Castela e Toledo, reino que
fora incorporado a Galicia en 1085.
-
"Coroa de Castela" sería todo o espazo cristián do occidente peninsular
dende 1230. Nos séculos XIV e XV xa se restrinxe a denominación de
Galicia á Galicia nuclear, a correspondente coa provincia lucense
romana, que seguirá a ser oficialmente reino ata o 1833.
O REINO DE GALICIA ENTRE 711 - 910
Así, o reino “asturleonés” corresponderíase co periodo de formación do Reino Medieval de Galicia.
A
sustitución do poder visigodo polo musulmán en Hispania a partir de 711
non implicou a ocupación islámica de Galicia, pois a aristocracia desta
provincia vitiziana sería, xunto coa narbonense, a que solicitou a
intervención dos musulmáns no territorio peninsular, coa finalidade de
derrotar aos partidarios de Rodrigo no reino de Toledo. Neste espazo
do noroeste peninsular, vinculado vasalaticamente ao emirato cordobés,
configúrase, dende finais do século VIII, un proxecto de poder
centralizador, cun rei á cabeza, apoiado polo episcopado galego,
enfrontado á poderosa aristocracia territorial laica da Galicia lucense e
bracarense. A creación dunha corte real en Oviedo a finais do
século VIII sería unha tarefa apoiada por esta aristocracia
eclesiástica, elixindo precisamente Oviedo por tratarse dunha zona libre
de señorío, tanto de grandes señores laicos coma de mosteiros. O
enfrontamento entre a aristocracia laica e o episcopado, entre os
poderes territoriais e os partidarios dunha monarquía, é unha constante
neste periodo do reino de Galicia, e nesta dinámica hai que entender as
disputas dinásticas e os cambios na relación política con Córdoba.
No
espazo galego mantéñense no século VIII as estructuras básicas de
encadramento da poboación herdadas da época romana e do reino suevo, as
dioceses e sedes episcopais, os territorios señoriais e o monacato, e
non se producen despoboacións de territorios, nin sequera coas
incursións normandas de finais do século IX. A realeza e o
episcopado buscan crear unha igrexa “nacional” para este territorio como
medio de afirmación do poder estatal, e nese contexto se enmarca o
achádego do sartego do apóstolo Santiago en Compostela en 813 e a
adopción do antiadopcionismo como doutrina oficial, para reafirmar a independencia da igrexa de Toledo, durante o reinado de Afonso II (791 – 842).
Estas
orixes do reino galego no século VIII foron explicadas pola
historiografía tradicionalista española como o resultado da conformación
dun núcleo de resistencia nas montañas astures composto por cristiáns
que derrotan aos musulmáns na batalla de Covadonga en 718 ou 722,
acaudillados por don Pelayo e que, dende alí, vai ocupando territorios. Na
actualidade, a propia historiografía española reduce a importancia da
suposta batalla de Covadonga, considerándoa mera escaramuza musulmá no
norte, e nega a historicidade de Paio como rei ou caudillo, pois a
Crónica Mozárabe, escrita en 754, non o cita a el nin á batalla de
Covadonga, atribuíndo a súa invención a mozárabes emigrados de
al-Andalus na segunda metade do século IX, autores da Crónica de Afonso III.
Paio sería un noble territorial máis de Galicia que, na zona de
Asturias, decide afirmar a súa autonomía e ampliar os seus dominios, o
que o leva ao choque con al-Andalus e con outros señores. A
preponderancia nas crónicas concedida a Paio e aos señores territoriais
do século VIII na zona asturiana (considerados reis pola historiografía
española) sobre os señores galaicos, explícase no marco da elaboración,
en tempos de Afonso III (866 – 910), dunha ideoloxía lexitimadora dun
poder monárquico que xa pode considerarse estatal.
Os
seguintes nomes e cronoloxías corresponden a estes señores territoriais
do século VIII, que carecen dun dominio efectivo máis alá do seu
territorio patrimonial, e aos reis en Oviedo do século IX.
SEÑORES TERRITORIAIS - S. VIII
Despois de Paio (711 – 737) e de Fávila (737 – 739), Afonso I (739 – 757)
considérase o fundador do reino, nun momento en que os bereberes,
sublevados contra Córdoba, abandonan as guarnicións situadas fronte ás
montañas do norte. A interpretación tradicional española sinala que
Afonso ocupa espazos aos musulmáns e traslada a Asturias á poboación da
zona do Douro, creando alí un deserto estratéxico, idea hoxe desbotada
que tén a súa orixe na Crónica de Afonso III. Un dos espazos
ocupados e repoboados, segundo esta liña historiográfica, sería Galicia,
hipótese totalmente descartada pola evidencia arqueolóxica dunha
Galicia sen cortes ocupacionais dende a época romana e pola constatación
documental do poder dos señores territoriais laicos e do clero galegos,
sen mencionar que Galicia non foi ocupada polos musulmáns. Esta
conquista de Galicia polos astures e cántabros pode explicarse facendo
afirmacións totalmente insostibles historicamente, coma que Galicia é
unha rexión pouco romanizada [En MARTÍN, J. L. La España medieval. – páx 75 –] e obviando a importancia económica, política e cultural da Gallaecia baixorromana ou do Reino Suevo de Galicia.
A Afonso sucédeo o seu fillo Froila I (757 – 768),
quen, segundo as tradicións da época de Afonso III, continúa a labor
repoboadora de seu pai e tén que facer fronte a revoltas dos “galegos”.
Aurelio (768 – 774), Silo (775 – 783), Mauregato (783 – 788) e Vermudo I (788 – 791)
son considerados usurpadores polas crónicas dos tempos de Afonso III e
monarcas febles pola tradición historiográfica española, quizais pola
súa ascendencia galega (da Gallaecia lucense), e o consecuente
apoio de señores territoriais lucenses, e pola aproximación política a
Córdoba durante esta época. O apoio galego a estes monarcas non impediu
as tensións con señores territoriais galegos, mencionadas polas
crónicas.
REIS EN OVIEDO - S. IX
Con Afonso II (792 – 842)
consolídase o apoio do episcopado galego á creación dun poder
monárquico que trate de englobar Galicia. A creación dunha corte en
Oviedo e o reforzamento de Compostela como centro relixioso marcan a
xeografía do doble poder: episcopal en Compostela – monárquico en
Oviedo.
Durante
o seu reinado consolídase a independenza respecto a Córdoba, lograda
polas dificultades que vive o emirato coas revoltas muladís de Toledo,
Mérida e do val do Ebro, así como pola intervención carolinxia no
noreste. A independencia política, o fin do pago de tributos, refórzase
coa independencia relixiosa da sede toledana, coa inventio do
achádego do sepulcro de Santiago en Compostela e a condena do
adopcionismo. Fronte a al-Andalus, a corte galega mantén relacións
diplomáticas co Imperio Franco, de onde se adopta o modelo político,
aínda que se establecen as normas xurídicas do Liber Iudicium visigodo.
Afonso apoia o monacato como medio de extensión do control territorial da monarquía.
A partir de Ramiro I (842 – 850),
que accede ao trono apoiado por poderes territoriais da Galicia
lucense, e de cuio reinado hai que destacar a importante actividade
edilicia, consolídase o sistema de monarquía hereditaria por línea
patrilineal. A Ramiro sucédeo o seu fillo Ordoño I (850 – 866),
que repoboa* Astorga, Tui e Amaia. Tras a colaboración inicial con
al-Andalus, obrigada polo ataque vikingo de 858, Ordoño apoia as
revoltas muladís contra Córdoba.
Afonso III
(866 – 910) extende a autoridade real ata o río Mondego, coa
restauración de Coimbra, mantendo a aristocracia local o seu poder.
Santiago consolídase como centro de poder eclesiástico, coa consagración
da catedral en 899. Con respecto a Córdoba, Galicia apoia as revoltas
muladís que poñen en cuestión a autoridade emiral.
Con
Afonso III pódese falar xa dun estado consolidado – sen que por iso se
extingan as resistencias dos poderes territoriais – que elabora unha
ideloxía lexitimadora dese poder monárquico, facéndoo herdeiro do reino
visigodo de Toledo, así coma da súa Igrexa*.
No
910, a busca de integración do poder monárquico nos circuitos
comerciais da ruta da prata e da vía Braga-Burdeos impulsan o traslado
da sede rexia a León, recén fundada sobre o campamento romano,
transferindo a esta cidade parte da dignidade episcopal de Astorga.
* 1 Os
termos restauración e repoboación dos cronistas non deben entenderse
literalmente, senon como a sumisión á autoridade estatal dunha poboación
ou territorio.
* 2 Sobrevalorouse o elemento mozárabe deste mito goticista, sen valorar a influencia da idea carolinxia do translatio imperii.